CIG-Saúde demanda que o SERGAS faga as probas de coronavirus a todo o persoal
A CIG-Saúde demanda, ademais dos equipos individuais de protección necesarios, que se lle faga a proba de infección por coronavirus a todo o persoal do SERGAS e non só ao que presenta síntomas respiratorios. Entende que con esta medida que conta co aval científico, e que xa fixeron chegar ao conselleiro de Sanidade, “pódese proporcionar un grao adicional de protección e evitar contaxios”.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembra que o persoal con vínculo no SERGAS e o persoal das empresas que traballan nos centros sanitarios, nomeadamente o persoal da limpeza, “ están facendo todo o que se pode, e máis, por prestar a atención sanitaria necesaria nestes momentos a toda a poboación, tanto a quen están no domicilio, preocupados por se teñen a infección, ou se son grupo de risco de padecer unha infección grave, como aos que están ingresados nas plantas de hospitalización ou nas unidades de coidados intensivos”.
Abuín subliña que “ese é o noso traballo e temos a determinación de facelo o mellor posible, coa maior eficacia e coa vontade de atender a todas as demandas posibles da poboación. Non hai dúbida sobre isto”. Por iso matiza que o que demandan “é poder facer o traballo nas condicións de seguridade necesarias”, unha responsabilidade que recae na dirección das distintas áreas sanitarias.
Apunta que no Procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao coronavirus (SARS-COV-2) recóllese o seguinte en canto a medidas de protección:
“A forma óptima de previr a transmisión é usar unha combinación de todas as medidas preventivas, non só Equipos de Protección Individual (EPI). A aplicación dunha combinación de medidas de control pode proporcionar un grao adicional de protección.”
Ante isto, ademais de poder contar cos Equipos de Protección Individual necesarios e adaptados ás diferentes situacións de risco en todas as Áreas Sanitarias, a CIG-Saúde solicita “que se proceda a realizar, cunha prelación en función do risco, unha determinación en plasma de inmunoglobulinas IgM e IgG a todo o persoal da Área Sanitaria en risco”.
Probas se hai síntomas
CIG-Saúde asegura que non se están facendo os tests PCR a todo o persoal, “fanse só se hai síntomas respiratorios”, explica María Xosé Abuín, quen explica que “aínda que se fixesen, segundo informan desde medicina Preventiva, non asegurariamos unha protección dados os falsos negativos existentes”. Por iso lembra que a literatura científica recomenda a utilización das determinacións de seroloxía en soro como complemento da realización de PCR a diferentes pacientes, alcanzando un diagnóstico nese caso cercano ao 100%. A IgM detéctase aos 5 días da infección e a IgG aos 14 días1,2.
Por outra banda, sinala que a medida que se coñece máis da infección por este virus “sabemos que a transmisión está producíndose de modo importante por persoas asintomáticas ou presintomáticas3”. E advirte que o persoal sanitario “é o que está en contacto coa poboación máis vulnerable polo que é necesario asegurar que non sexamos axentes de transmisión da infección”.
Xunto a isto apunta que as persoas que se poidan considerar seroloxicamente curadas ou que xa padeceron a infección poden dar un rendemento moito maior no seu traballo e incluso pode facilitar a organización das diferentes unidades, ademais de darlles a tranquilidade de que xa non van contraer a infección.
* Notas:
1 Zhang W, Du RdH, Li B, Zheng XS,Yang XL, Hu B, Wang YY, Xiao GF, Yan B, Shi ZL, Zhou P. Emerg Microbes Infect. 2020 Feb 17;9(1):386-389. doi: 10.1080/22221751.2020.1729071. eCollection 2020.Molecular and serological investigation of 2019-nCoV infected patients: implication of multiple shedding routes.
2 Li Guo et al. Profiling Early Humoral Response to Diagnose Novel Coronavirus Disease (COVID-19), Clinical Infectious Diseases, , ciaa310, https://doi.org/10.1093/cid/ciaa310
3 R. Li et al., Science 10.1126/science.abb3221 (2020).