CIG-Saúde demanda lugares de residencia para que o persoal sanitario non teñan que desprazarse
A CIG-Saúde vén de se dirixir tanto ao conselleiro de Sanidade como á Directora de Recursos Humanos para solicitar que se poñan a disposición do persoal que traballa na Sanidade e da poboación en corentena, instalacións diferentes ás instalacións sanitarias.
A CIG-Saúde considera que, ante unha situación tan grave como a que estamos a vivir por mor da infección do virus COVID-19, o goberno da Xunta de Galiza e a Consellaría de Sanidade “teñen a obriga de tomar todas as medidas necesarias para garantir a seguridade das/os profesionais da sanidade, e do conxunto da poboación”.
Sinala que nos distintos Servizos de Saúde -dado que as competencias dos gobernos autonómicos están plenamente vixentes- estanse a tomar medidas que garantan a seguridade e a protección de todas/os traballadoras/es e do resto da poboación.
Por iso exixen que se poñan a disposición da poboación todos os recursos existentes e demanda da consellaría que se busque a fórmula que permita pór a disposición das/os traballadoras/es e da poboación todos os establecementos dispoñíbeis diferentes ao centros hospitalarios.
As súas demandas concretas son:
- Que se poñan a disposición de todas/os as/os traballadoras/es da sanidade, prazas de residencia en hoteis, residencias universitarias… preto do seu centro de traballo , para que poidan morar alí se así o desexan, evitando o contacto coas persoas que residen no seu domicilio, para garantir a seguridade e a protección destas/es.
- Pór a disposición estes centros, con distinta ubicación, para todas as persoas que teñan que facer illamento no seu domicilio, e que para garantir a seguridade e a protección da súa familia queiran realizar o tempo do seu illamento fóra deste.
- Lembran que, para atender as necesidades destas instalacións é imprescindíbel dotalo de persoal, tamén de persoal de servizos privatizados, como de persoal de limpeza, ao que haberá que dotar de todo o material necesario e EPIS que garanta a súa protección.