CIG-Saúde demanda á consellaría de Sanidade que se realicen tests de covid-19 a todo o persoal do SERGAS
CIG-Saúde vén de dirixirse por escrito ao conselleiro de Sanidade e á Directora Xeral de Recursos Humanos do SERGAS para demandar que se realicen tests de covid-19 a todo o persoal do SERGAS; que se elaboren protocolos para cada unidade e servizo e que se poñan ao dispor das traballadoras e traballadores Equipos de Protección individual axeitados para evitar contaxios.
A secretaria nacional, María Xosé Abuín lembra que nunha situación sanitaria tan grave como a que estamos a vivir, a protección da saúde do persoal debe ser un obxectivo para esta Administración, e non unha cuestión secundaria e que “o SERGAS, ademais da obrigación legal, ten a obriga moral e ética, de dotar a todas/os as/s profesionais dos equipos de protección en consonancia coa exposición ao risco do COVID 19, tamén ten a obriga de informar e formar ao persoal”.
Sinala que desde a CIG-Saúde vense exixindo do SERGAS, de forma reiterada, que publique uns protocolos, baseados na evidencia científica, sobre o uso do material e dos equipos de protección individual. Apunta que debe haber un protocolo para cada unidade e servizo, tanto nas unidades hospitalarias como en atención primaria e denuncia que “debido á falta de material de protección, pola falta de previsión das diferentes administracións, os protocolos foron cambiando e adaptándose, non ao risco, senón á falta de material”.
Por iso considera que “nada disto pode pór en risco de contaxio ao persoal” mais apunta que con esta situación as traballadoras e traballadores teñen que “improvisar material de protección coas bolsas do lixo… Algo que non parece moi apropiado para un centro hospitalario”.
Sinala que non se pode establecer unha relación directa entre os contaxios de persoal dos diferentes servizos e a escasa ou nula protección dalgunhas/uns traballadoras/es mais apunta que “o que si podemos constatar é o incremento de contaxios entre o persoal dos diferentes servizos dos hospitais galegos”.
Ante todo isto, exixe:
- Que se elaboren uns protocolos en cada unidade ou servizo de todos os centros hospitalarios e de atención primaria, no que se defina o nivel de protección deste persoal e o EPI que corresponda.
- Que se informe ás/aos delegadas/os de prevención do material existente nos centros, e da ficha técnica e nivel de protección dos EPIs. De non existir o dito material coñecer por qué material se está a substituír, nivel de protección deste material, riscos que corre o persoal ao estar exposto con material de baixa protección.
- Coñecer o número de traballadoras/es do SERGAS infectados por COVID, disgregados por servizos: hospital e primaria.
- Realizacións dos test a todo o persoal do SERGAS.
- E sobre todo, que non se escatime na protección do persoal, que unha vez máis arrisca a súa saúde para garantir a saúde da poboación.
Ademais, Abuín advirte que o traballo do persoal do SERGAS “non pode ser só unha ferramenta política para publicar os bos resultados sanitarios, sen ter en conta de cal é a situación do persoal, nin os riscos aos que están sometidos”. E reitera a exixencia da CIG-Saúde “de coidar a quen coida, e de non pór en risco a saúde das/os profesionais por unha mala xestión do material de protección”. Por iso demanda a dotación de EPIs a todo o persoal “en función do risco, e non do criterio economicista da xerencia”.