CIG-Saúde de Vigo denuncia a insostible situación da Atención Primaria na Área Sanitaria
A CIG-Saúde de Vigo vén de denunciar o empeoramento da situación da Atención Primaria na Área Sanitaria de Vigo. Unha situación que xa era difícil antes da pandemia, que se foi deteriorando de xeito progresivo até a actualidade e que tornou insostible agora, coincidindo co dereito as vacacións do persoal e a 5ª onda da COVID.
Centros ao 50% do persoal sanitario polas vacacións, baixas ou outros permisos. Listas de espera que superan os 15 días e mesmo chegan ao mes. Persoal administrativo sobrepasado polo aumento da carga administrativa derivada de tramites de chave 365 ou relacionadas coa COVID e a vacinación. Aumento de situacións de violencia ou agresións. Axendas médicas que superan as 60 persoas e que nalgúns profesionais teñen chegado ou superado os 80. Xornadas que se prolongan mais de dúas horas do remate da xornada.
Sen persoal facultativo
Esta é a situación que retrata o persoal da Atención Primaria da Área de Vigo e que denuncia a CIG-Saúde. Unha situación á que engade a que se deu o pasado martes 3 de agosto de 2021 no Centro de Saúde de Oia e Pazos de Borbén, sen persoal facultativo no seu centro e vendo derivada a asistencia urxente á Guarda e Fornelos ou SAP de Redondela respectivamente, e mesmo ao 061.
Unhas circunstancias que advirten que se podería repetir nos vindeiros días. “Cómpre dicir que ambos centros, A Guarda e Redondela, están moi mermados de persoal e con listas de agarda que superan os 15 días, e o de Fornelos só conta cun único facultativo”, denuncia a CIG-Saúde.
A situación no Centro de Saúde no Rosal non é moito mellor. Segundo explican, o pasado día 2 de agosto unha soa médica quedou á fronte dun centro de saúde que conta con tres cupos e que levan atendendo ate 80 doentes nun dia na pasada semana. “Disto non fomos informados nin a representación das traballadoras nin as traballadoras dos centros afectados, que a coñeceron dun día para outro”.
Brutal sobrecarga de traballo
A CIG-Saúde denuncia que esta brutal sobrecarga de traballo “está a afectar a saúde das traballadoras”. Lembra que até o de agora o traballo nos centros de saúde e no hospital “foise sustentando en toda a pandemia (mesma antes) na entrega das profesionais dos centros, que fomos vendo como se vían mermados aínda mais os nosos dereitos, vendo condicionados os nosos permisos e vacacións, incluso os ligados a conciliación familiar”.
Denuncian que esta situación non é nova e afirman que vén derivada das políticas de recortes na atención primaria, o que provocou unha fuga de persoal sanitario a outras comunidades e outros países.
Por iso consideran que “cómpre mudar totalmente as políticas sanitarias dotando de medios e persoal estábel os centro de traballo e investindo nunha Atención Primaria tan necesaria como primeiro acceso a poboación, dar os recursos e tempo necesario para poder dar a atención digna que queremos para os nosos doentes, dotar as Xerencias de Atención Primaria de recursos propios para xestionar as necesidades de cada centro”.
En definitiva, conclúe a CIG-Saúde de Vigo, “ter medios suficientes para poder afrontar unha calidade asistencial digna para os doentes e en condicións dignas para as profesionais”.