CIG-Saúde Ferrol denuncia o desvío de cartos públicos a empresas privadas
Recentemente a CIG-Saúde tivo coñecemento da intención do SERGAS de perpetuar o desvío de cartos públicos á empresa privada, desta volta renovando o contrato de privatización do servizo de mantemento íntegro do Hospital Naval e de parte do mantemento do Arquitecto Marcide. Unha decisión que a central rexeita posto que "a experiencia nesta Área Sanitaria deixou máis que probado que o equipo de mantemento público funciona moito mellor que o privado".
Isto é así non soamente polas condicións do persoal afectado, apunta a CIG-Saúde de Ferrol, senón tamén polo servizo prestado, xa que cando se presta dende o público prima a calidade e o aforro a longo prazo, "en vez de atender a un aforro para hoxe e fame para mañá".
Segundo o avanzado polo SERGAS, a empresa que resulte adxudicataria do novo contrato (que ascende a preto de tres millóns de euros) poderá propoñer e executar as melloras que considere oportunas. Para a CIG-Saúde de Ferrol é un insulto á intelixencia que se contrate a un ou unha enxeñeira privada para que valore que mellorar, cando o SERGAS xa ten contratados a catro enxeñeiras e enxeñeiros que fan a perfección o seu traballo.
Calidade fronte ao beneficio privado
Que a empresa privada só busca maximizar os seus beneficios e non garantir a calidade e un aforro a longo prazo xa quedou probado cando unha empresa externa se encargou de cambiar os tubos fluorescentes do hospital por tubos led. Esta medida pretendía supor un aforro de enerxía que non se produciu xa que o único que fixo a empresa contratada foi cambiar uns focos por outros pero sen retirar as reactancias, polo que o consumo se mantiña íntegro. Unha deficiencia que foi detectada polo persoal propio do hospital.
CIG-Saúde lembra que no seu día o SERGAS tamén retirou da central térmica do CHUF aos calefactores do Arquitecto Marcide para contratar unha empresa externa. Nos anos transcorridos demostrouse un empeoramento do funcionamento deste servizo, "hipotecándonos por oito anos e agora por outros tres".
Incumprimento dos pregos
No anterior prego de cláusulas administrativas, no seu punto 8 que refire as obrigacións do adxudicatario, recóllese que as empresas deberán garantir a presenza física no CHUF do persoal técnico que corresponda para cubrir o servizo 24 horas ao día os 365 días do ano. Obriga que non se cumpriu, posto que na central térmica só se garantía a presenza física dun técnico na quenda de mañá. De existir algún problema na tarde, na noite ou nos festivos intentábase amañar vía telemática e, de non poder, mandábase ao persoal propio do SERGAS a rearmar os equipos, no canto de esixirlle á empresa que cumprira co contratado.
"Cando isto era un traballo público sempre se mantiña unha presenza na central térmica para previr os posíbeis problemas, xa que o mantemento público non só é correctivo senón que é preventivo e preditivo", subliñan.
Malia estas deficiencias, a dirección da Área Sanitaria non mostrou ningún interese en escoitar as propostas que se lle fixeron dende a CIG-Saúde para reverter de novo os servizos privatizados ao público, en lugar manter a determinadas empresas. "Pois ben, agora volveranse regalar case tres millóns de euros anuais a unha empresa externa que vai traballar por uns maiores ingresos en vez de por un mellor servizo á cidadanía".