CIG-Saúde chama a todos e todas as profesionais a mobilizarse en demanda da retirada do XIDE
A CIG-Saúde convoca concentracións en todos os centros de saúde para o vindeiro martes día 27 de xuño, ás 12:00 horas, en demanda da retirada do XIDE, unha ferramenta de xestión da demanda nos centros de saúde imposta sen ter en conta a opinión da maioría persoal de servizos xerais (PSX) que a teñen que aplicar, nin no seu deseño nin na súa funcionalidade.
A CIG-Saúde afirma que a grande maioría do persoal das áreas administrativas de Atención Primaria “rexeita o XIDE” como ferramenta para xestionar as citas para acceder ás consultas das e dos distintos profesionais da Atención Primaria e tamén para a xestións das demandas urxentes e sen cita que se producen cada día nos Centros de Saúde.
Esta ferramenta supón unha importante sobrecarga de traballo:
- Enlentece o traballo no momento de dar a cita, xerando colas enormes diante dos mostradores.
- Obriga a ter que preguntar e concretar o motivo de consulta referido polas persoas que chaman ou acoden aos centros.
- Limita a autonomía do/a PSX na xestión das citas, impedindo que poida facer valer o criterio de urxencia do/a propio/a PSX coma da persoa usuaria.
Os PSXs manifestan tamén a súa preocupación pola inseguridade xurídica na que se atopan, especialmente nas demandas de consulta urxente e sen cita para o mesmo día.
A CIG-Saúde xa denunciou, no Consello Técnico de Atención Primaria, celebrado o 16 de febreiro de 2022 no que foi presentado o XIDE, que as áreas administrativas dos centros de saúde están infradotadas de persoal, que faltan PSXs, e que ademais, non garanten a privacidade das persoas usuarias, incluídas as dos centros de saúde de nova creación.
Tamén vén denunciando que nos últimos anos son múltiples as funcións e programas informáticos que asumiron as e os PSXs, e que o tiveron que facer sen recibir a formación necesaria, sen ter unha persoa de referencia para consultar as dúbidas, e, sobre todo, sen incorporación de máis persoal estable nos Centros de Saúde.
CIG-Saúde entende que o XIDE non cumpre coas condicións mínimas para seguir aplicándose, non cumpre coa función para a que foi deseñado e debe ser retirado de xeito inmediato.
Por iso demanda da Administración sanitaria que abra un proceso de escoita ás e os profesionais da Atención Primaria para organizar e pór en marcha un sistema de xestión da demanda nos centros de Saúde que contemple a visión do persoal das áreas administrativas e que permita acordar un procedemento de xestión das citas e das demandas de consulta urxentes, tanto presenciais como telefónicas.