CIG-Saúde advirte da caótica situación da Atención Primaria na zona de Lugo
CIG-Saúde advirte da preocupante e caótica situación na que se atopa tanto a Atención Primaria nos centros de saúde da zona sur de Lugo, dependentes da área sanitaria de Lugo-A Mariña- Monforte, pola falta de persoal e a sobrecarga de traballo. Unha situación que, avanzan, irá a peor no período estival debido ao aumento da poboación desprazada e a falta de cobertura das ausencias.
CIG-Saúde de Monforte explica que en todos os centros se repite o mesmo patrón:
-Ausencias de profesionais sanitarios que no se cobren.
-Áreas administrativas desbordadas de traballo, xa que ao traballo diario hai que lle sumar novas aplicación que se van implantando e que non se reforzan con máis persoal. Exemplos disto son XIDE para as citacións e CR100 para devolver as chamadas que non puideron ser atendidas no seu momento pola carga de traballo. O XIDE está funcionado a día de hoxe só en Monforte e o CR100 en Monforte, Chantada e Quiroga.
-Aumento considerábel da poboación desprazada doutros servizos de saúde que se manterá previsiblemente até outubro ou novembro. No verán a poboación dos concellos da zona sur duplícase coa conseguinte subida de carga asistencial nos centros.
-A non substitución de profesionais cando collen baixas e permisos provoca sobrecarga de traballo nos centros de saúde co detrimento da calidade asistencial que iso provoca.
Os casos máis alarmantes que están acontecendo nos diferentes centros son:
A situación do Centro de Saúde de Monforte é caótica e a medida que avance o verán irá a peor. Neste centro en quenda de mañá hai 10 médicos/as e 10 enfermeiros/as, 3 pediatras e 2 enfermeiros/as de pediatría. En queda de tardes hai 2 médicos/as, 1 enfermeiro/a e outro deslizante que traballa 3 días de tardes e dous de mañá.
A día de hoxe hai tres facultativos/as que están de baixa e previsiblemente sexan baixas longas. Outro médico xubilouse en xaneiro e a súa praza non foi cuberta de xeito estábel.
As e os pacientes destes 4 cupos repártense entre o resto do persoal, co que se incrementa a caga de traballo.
Preto de 1.300 pacientes levan sen médico/a dende xaneiro e se a isto lle engadimos os/as pacientes do persoal médico que se atopa de baixa, estamos a falar dunhas 7.000 persoas.
15.000 pacientes están a ser atendidos/as por 6 ou 7 médicos, o que obviamente supón unha enorme sobrecarga para as e os profesionais.
Dos 12 médicos e médicas de familia que hai no centro 9 teñen o cupo pechado por sobrepasar o límite de doentes establecidos por ratio, polo cal o/a paciente non pode exercer o seu dereito á libre elección.
O caso de pediatría é aínda máis preocupante. As ausencias destas profesionais non se cobren e ás veces queda unha soa. Polas tardes refórzase cunha profesional e cunha profesional e persoal de enfermería días alternos. Algo totalmente insuficiente.
CIG-Saúde de Monforte salienta que en breve comezarán as vacacións e pregúntanse "se agora hai 8 médicos e médicas para atender 18.000 pacientes, máis todas as persoas desprazadas, que vai pasar nos meses de xullo e agosto que non van cubrir as ausencias?" Na mesma liña cuestionan que acontecerá na área administrativa coa gran carga de traballo que ten co XIDE e o CR100 que se introduciron sen aumentar o persoal.
O Centro de Saúde de Quiroga cubre unha poboación de 3.200 habitantes que é atendida por tres facultativos. Pero dende hai un tempo 1 destes profesionais está de baixa e estase cubrindo en días alternos con persoal de PAC
O pasado 10 de xuño quedou unha soa profesional para atender os tres cupos e as urxencias.
No verán queda o centro cun 66% de enfermería e o persoal médico adoita quedar ao 66%, "pero moito nos tememos que quede só 1 máis dun día no verán cando as dúas facultativas que están collan vacacións".
No Centro de Saúde de Pantón marchou unha facultativa de traslado e so cubría 2 días á semana. Dende este mes xa non se vai cubrir polo que quedarán só 2 médicos e nas vacacións 1, con toda probabilidade. As ausencias de enfermería cubriranse só ao 50%.
No Centro de Saúde de Chantada rexístranse problemas de material. Moitas veces acábanse os produtos o mesmo día que chegan. "Pediron a Lugo que se lles aumentase o número de artigos que teñen asignado pero fan caso omiso as súas peticións, isto parécenos lamentábel", valora CIG-Saúde.
Na planta primeira do centro, denuncian, dáse unha situación surrealista, xa que non hai toma de osíxeno "co cal se un ou unha paciente o necesita habería que baixalo á planta baixa a urxencias".
Nesta mesma planta as instalacións presentan desperfectos e deficiencias como azulexos caídos e sen reparar, e na consulta de pediatría hai un cartel que avisa para que a xente non se achegue ás columnas polo risco de que caian os azulexos.
Por outra banda cando as TCAE van de vacacións, so se cubren as ausencias en días alternos e cada día mandan a unha persoa distinta, co cal hai que explicarlle o funcionamento de novo.
Cando a pediatra de Chantada pide permisos non a cobren, polo que é de agardar que nas vacacións do verán tampouco se faga; ao igual que acontece coa pediatra itinerante que atende as crianzas de Quiroga, San Clodio, Folgoso, Pobra, Bóveda, Rubián e O Saviñao.
A cobertura das e dos profesionais sanitarios é mínima, polo que se atopan desbordadas/os.
No Centro de Saúde da Pobra de Brollón tamén hai problemas de cobertura do persoal sanitario. Ao persoal de enfermería susbtiúeno ao 50%
Nos Centros de Saúde de Bóveda e Rubián quedan ao 50%
No Centro de Saúde de Sober cobren facultativos/as ao 66% e a enfermería ao 50%.
No Centro de Saúde de Carballedo cobren facultativos/as só ao 50% e enfermería ao 50%.
No Centro de Saúde de Escairón cobren médicos/as e enfermería ao 66%.
A Xerencia recoñece déficit de persoal
Na reunión mantida coa Xerencia de Atención Primaria, recoñeceron o déficit que hai de persoal médico e de enfermería. Neste senso, CIG-Saúde lembra que o ano pasado marcharon do distrito de Monforte dous facultativos e este ano, fíxoo un. O motivo é que non lles ofrecían estabilidade laboral. Pedimos máis implicación por parte da Xerencia e que lles oferten contratos de longa duración ás e os profesionais". Outro tanto acontece co persoal de enfermería a quen lle ofertan contratos de dous meses "e así é moi difícil cubrir as ausencias".