CIG-Navantia segue apostando por un convenio de centro "como a saída máis razoábel e inmediata"

- 18 Feb 2025

O pleno do comité de empresa de Navantia rexeitou (por 11 votos en contra e 9 a favor intentar) que se abra unha negociación no centro de Ferrol e pelexar por mellorar as condicións das persoas traballadoras. A votación foi solicitada pola representación da CIG ante a parálise na negociación colectiva, a falta de acordo, a ausencia de coincidencia nas reivindicacións da parte social -e menos aínda coa dirección da empresa- co obxectivo de "tentar negociar e solucionar as demandas do cadro de persoal cun convenio de centro estatutario".

Un convenio de centro que, salienta a sección sindical da CIG, "legalmente é factíbel" e que "non é incompatíbel cunha negociación a nivel superior, á cal nos podemos adherir no caso que supoña un avance nos dereitos das traballadoras e traballadores". Con esta proposta búscase rachar coa actual situación desencontro que se vive na comisión negociadora (logo da maioría dos centros do resto do estado votar contra o preacordo de convenio) e dar "satisfacción merecida" a moitas das reivindicacións que despois de tres anos "non foron quen de darlle ao cadro de persoal e que se agravan mes a mes".

A representación da CIG salienta que o contrario sería dilatar esta parálise no tempo e refire as propias disidencias internas entre seccións sindicais dalgúns sindicatos, a diverxencia de motivos para defender o 'non' ou a falta de entendemento na acción sindical.

O convenio para cando

"Todas e todos somos conscientes que o máis factíbel, real e intelixente é un convenio propio, que ademais nos permitiría achegar e concretar a negociación", afirma a sección sindical. E subliñan que incluso o Goberno español lexislou a prevalencia dos convenios autonómicos sobre os estatais, sempre e cando aqueles non sexan inferiores.

Pregúntanse, xa que logo, "por que en Navantia non pode existir un convenio de centro, cando supón unha solución legal, estatutaria e constitucional avalada xuridicamente e que poñería nas nosas mans a capacidade reivindicativa e negociadora".

A sección sindical da CIG pon o acento na necesidade de reclamar e negociar as novas prazas que lle corresponden a Ferrol das famosas 1.500 anunciadas polo presidente Pedro Sánchez antes das eleccións, mais tamén poder decidir "onde e como entran os novos ingresos. A proporción que nos corresponde en Ferrol son arredor de 600, sen esquecernos das taxas de reposición a cubrir", apuntan.

Ao tempo, critican que segue sen materializarse nova carga de traballo (BAC, BAM, proxectos para a Fábrica de Turbinas e Reparacións, etc.) que complemente o programa das F-110, "claramente insuficiente por si só para manter uns niveis de ocupación aceptábel nas nosas instalacións". Xunto a isto, cómpre seguir a reclamar as inversións no novo plan "máis alá das que se están a realizar actualmente, xa comprometidas no plan anterior de 2019".

Neste senso, lamentan a ausencia de concreción nas xuntanzas do comité interecentros sobre as accións a desenvolver, así como a dinámica "de comunicados sen consensuar e filtracións interesadas" no seu deste órgano de representación.

Por todo isto, conclúen, "precisamos dun convenio de centro, porque é  saída máis razoábel e inmediata. Co convencemento de todas e todos imos conseguilo".


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.