A CIG-Navantia Ferrol valora de xeito positivo o acordo para abonar as asimilacións pendentes
A Sección Sindical da CIG en Navantia Ferrol valora de xeito positivo o compromiso da dirección da empresa e da SEPI para abonar as asimilacións pendentes, que supón resolver o conflito que o persoal viña mantendo coa dirección para recuperar a aplicación íntegra do III Convenio Colectivo. Lembran que a central nacionalista mantivo unha firme oposición dende o primeiro momento á sinatura do IV Convenio "por estar cheo de recortes" e subliñan a necesidade de debater e atender as demandas dos traballadores e traballadoras ante a negociación do novo plan de industrial.
A Sección Sindical fai estas valoracións logo da reunión da Coordinadora Unitaria dos comités de empresa coa Dirección de Recursos Humanos de Navantia, na que anticipou o compromiso por parte da SEPI e a empresa do abono das asimilacións e, polo tanto, a consolidación do nivel salarial e a súa regularización a todos os traballadores e traballadoras aos que lles corresponda, abonando un anticipo a conta da nómina do mes de decembro e deixando os atrasos e a regularización do nivel para a nómina do mes de xaneiro.
Isto implicará recuperar a aplicación íntegra do III Convenio Colectivo, dando así cumprimento á sentenza que o Tribunal Supremo fixo pública o 19 de decembro de 2016 pola que ficou anulado o IV Convenio Colectivo.
Tentativas de recortes
Para a Sección Sindical da CIG, logo de todo o acontecido, é necesario "botar a vista atrás" e facer unha avaliación "do que supuxo a tentativa da empresa e de algúns representantes da parte social, de implantar o IV Convenio". Neste aspecto subliñan a firme oposición que, desde o primeiro momento, mantivo a representación da CIG no estaleiro de Ferrol fronte aos diferentes relatos "que pretendían xustificar a necesidade de asinar un convenio cheo de recortes, onde se poñían enriba da mesa cuestións determinantes para o persoal como a mobilidade xeográfica e as baixas por incapacidade a criterio da empresa".
Xunto a isto, os recortes nos beneficios sociais; os recortes en materia retributiva (como pretendía ser a substitución das asimilacións polo concepto de garantía de emprego) ou que conceptos como este ultimo ou a antigüidade pasasen a se percibidos só polo persoal que neses momentos estivera no cadro de Navantia, deixando para as futuras incorporacións condicións económicas diferentes, e creando traballadores/as de primeira e traballadores/as de segunda.
Desde un inicio, engaden, esta oposición da CIG ao IV Convenio estivo acompañada por un sentimento maioritario entre o conxunto das traballadoras e traballadores, contrario ao asinamento do convenio, "que axiña cristalizou nas diferentes asembleas, facendo virar a unha parte da representación social cara ás posturas maioritarias na factoría". O desenlace deste conflito foi a desautorización dos asinantes do IV Convenio e o inicio do proceso xudicial, por parte da CIG e CCOO, que desembocou na ilexitimidade do mesmo.
Plan Industrial
Ás portas da negociación dun Plan Industrial que debería servir para definir o futuro a medio prazo de Navantia, a Sección Sindical da CIG fai fincapé na necesidade de facer unha aprendizaxe do sucedido durante o proceso do IV Convenio "onde se deixou de lado a opinión maioritaria das traballadoras e traballadores, para facer valer posicións que non tiñan nada que ver coa defensa dos seus intereses".
"Desde a CIG temos claro que só desde o debate e a posta en común dos criterios do conxunto das traballadoras/es, conseguiremos superar con éxito os retos que nos deparan as próximas negociacións do plan de empresa e do novo convenio colectivo", conclúen.