CIG-Navantia aposta por seguir na mobilización para acadar o mellor convenio e un plan industrial de futuro para os estaleiros
A sección sindical da CIG en Navantia agradece ao conxunto do cadro de persoal o exercicio de responsabilidade exercido no día de onte, ao terse acadado a participación máis alta de todos os centros de Navantia na votación do convenio colectivo e do plan industrial. Tamén parabenizan o persoal polo resultado da votación “verdadeiro exercicio de conciencia e dignidade da clase traballadora”.
A respecto da proposta de convenio, subliñan que a resposta foi contundente: o 73,5% en Ferrol dixo non, o 87% en Fene e o 74,2% na Ría. “A lectura sindical é clara. Para a CIG xa o era, mais agora ninguén pode ter dúbidas e a obriga sindical é seguir negociando, ese é o mandato”, aseveran.
Entende a sección sindical que neste proceso triunfou "o sentido común na defensa dos nosos intereses e dereitos; non caermos na chantaxe da patronal e exercermos a responsabilidade de manter a negociación viva. Se alguén quere erguerse da mesa que sexa a dirección quen o faga, e que asuma as consecuencias”.
Neste camiño apostan por seguir na mobilización e na loita obreira porque “acadarmos e defendermos dereitos nunca nos caeu dou ceo, nin nos vai caer do boísmo da patronal”.
Así, como primeira medida, a CIG proporá na xuntanza sindical deste venres (Intercentros da parte social) a necesidade de dar o vindeiro luns, e de maneira simultánea en todos os centros, unha resposta á dirección, así como a elaboración dun calendario de mobilizacións adecuado para darlle un empurre á negociación. “O contrario, matizan, sería unha contradición e irresponsabilidade sindical sen parangón”.
Por outra banda, o rexeitamento “ao que pretenderon pasar por un Plan Industrial” foi do 54,3% en Ferrol, 74% en Fene e 55,3% na Ría. “Insistimos en que a CIG participará en positivo en toda iniciativa que a dirección acometa en beneficio da empresa e do seu cadro de persoal”.