
CIG-Navantia aposta por negociar un convenio propio para a Ría de Ferrol

Ante a parálise na negociación colectiva en Navantia, a sección sindical da CIG defende que a alternativa pasa por un convenio propio para os estaleiros da Ría de Ferrol e así llo trasladará ao resto de sindicatos e á propia dirección "porque non podemos nin debemos resignarnos a unha nova travesía no deserto".
"O convenio é o noso amparo, é o garante dos nosos dereitos", asevera a sección sindical da CIG, quen lanza un chamado ao persoal a "loitar nós polo noso e para nós" e reactivar a mobilización para retomar as negociacións. "Pasado xa un tempo prudencial para facer a análise oportuna da situación que estamos a vivir coa negociación colectiva, de parálise absoluta, dende a CIG reafirmámonos en que a alternativa pasa por un convenio propio para a Ría de Ferrol", salientan.
A este respecto, engaden que os argumentos para a defensa do non ao preacordo acadado o pasado mes coa dirección da empresa "non teñen nada que ver duns sindicatos a outros e moito menos duns centros a outros, están a anos luz". Na mesma liña, contrapoñen a disposición á loita e a capacidade de lanzar propostas de acción reivindicativa ao longo destes anos por parte do persoal da ría de Ferrol fronte ao resto dos centros, non asumindo incluso en ocasións as decisións do comité intercentros.
"A día de hoxe, tanto pola actitude da dirección coma do resto do intercentros, dando uns a negociación por esgotada e os outros sen dar sinais de vida, estamos sen propostas de reunións nin de mobilizacións para o grupo", apunta a sección sindical da CIG.
Fronte a esta parálise instan a traballar para "sermos capaces de reactivarnos, mobilizarnos e forzar a dirección a negociar outra vez despois de dúas negativas" e cuestionan se o resto de centros seguirán o mesmo camiño, asumirán a plataforma conxunta e que disposición teñen a mobilizarse para defendela "se até o de agora non o fixeron". Neste contexto, entenden que o nivel de presión preciso para retomar a negociación "non debera de poder quedar a expensas de decisións externas e desleais".
"É por iso, e por moito máis, que chegou o momento da aposta polo convenio propio, e así llelo trasladaremos ao resto dos sindicatos e á propia dirección, porque non podemos nin debemos resignarnos a unha nova travesía no deserto".