A CIG mobilízase en varias oficinas para reclamar convenios dignos e salarios xustos no sector de banca e aforro
Delegados e delegadas da CIG-Banca realizaron unha xornada de mobilizacións este venres diante de diferentes sucursais na cidade da Coruña para reclamar un convenio colectivo de banca privada (AEB) e aforro (CECA) que garanta a recuperación do poder adquisitivo e contemple subas salariais acordes coa evolución económica do sector, un incremento dos cadros de persoal, reducir a carga de traballo, acabar coas presións comerciais para colocarlle produtos á clientela que non demanda e demandar outro modelo de sistema financeiro.
A protesta iniciouse diante dunha oficina de BBVA na rúa Juan Flórez e proseguiu con concentracións en diferentes sucursais de Abanca, Banco Santander e Banco Sabadell até rematar no Cantón. A xornada de mobilización convócase con motivo da actual negociación dos convenios CECA e AEB (de ámbito estatal) e terá continuidade nas próximas semanas.
A respecto do convenio de banca privada, Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG no BBVA, denunciou que debido ás cativas subas pactadas nos convenios anteriores, o persoal do sector perdeu arredor dun 15% da súa capacidade adquisitiva nos últimos anos, “pero a patronal négase a compensar esta perda e ademais propón uns incrementos miserábeis do 2,25% para 2024 e 2025 e do 1,25% para os anos 2026 e 2027”.
No caso das antigas caixas de aforro, explicou Clodo Montero, secretario da sección sindical da CIG en Abanca, a situación aínda é peor “porque dende o inicio do proceso de reestruturación financeira en 2010 temos practicamente os soldos conxelados, e houbo unha perda en convenio colectivo do 23% á que hai que engadir os recortes introducidos en cada un dos expedientes colectivos aplicados, que no caso de Abanca foron seis”. Rexeitou a proposta patronal na mesa de negociación xa que só ofrece un aumento do 5% en tres anos.
Xunto a isto, as grandes empresas pretenden aumentar aínda máis a mobilidade xeográfica forzosa a 50km ou ampliar os períodos de proba nos contratos. “É dicir, seguir recortando dereitos e precarizando as nosas condicións salariais e laborais nun momento no que as entidades teñen beneficios históricos, que unicamente chegan aos accionistas e á alta dirección”, denunciaron.
Ao deterioro das condicións salariais súmase a sobrecarga de traballo polos sucesivos recortes de persoal executados por todas as entidades, deixando as oficinas e os servizos en mínimos, ao tempo que se aumentaban as presións para cumprir os obxectivos de colocación de produtos financeiros -incluíndo nalgúns casos produtos complexos que prohibe a normativa europea- que a clientela non demanda.
Neste senso, Fernández e Montero advertiron que o obxectivos das entidades na ampliación da mobilidade xeográfica forzosa é utilizar esta ferramenta como un castigo para quen non cumpra cos obxectivos comerciais. Ademais, a representación da CIG calcula que incrementar a máis de 50km os traslados tería un custe para a persoa traballadora duns 500 euros mensuais en desprazamentos, “co cal estámonos atopando con traballadores e traballadoras que abandonan as empresas porque non poden asumir este gasto”.
Montero lembrou que as entidades foron rescatadas na crise financeira, deron beneficios dende o primeiro momento e repartiron nestes anos substanciosos beneficios entre os accionistas, “sendo os traballadores e as traballadoras as únicas que asumiron esforzos”. “A xente pensa que nos banco se gañan moitos cartos, pero a realidade é que nas antigas caixas de aforro hai traballadoras/es que están cobrando por debaixo do SMI, porque se están facendo sobre todo contratos en prácticas e a tempo parcial”.
Ambos sindicalistas cualificaron de “indecente” as pretensións patronais de afondar na precarización do sector cando o conxunto das entidades rexistra beneficios milmillonarios de récords “e sen mover un papel, grazas á política do Banco Central Europeo que lles prestou diñeiro ao 0% e agora estallo retribuíndo ao 4,5%”.
“Espremen a cidadanía, espremen o tecido produtivo e espremen as traballadoras e traballadores”, alertaron. Por iso, con esta mobilización, ademais de demandar unha suba salarial xusta, “a CIG tamén reclama outro modelo de sistema financeiro”.