CIG-Mercadona: "Teñen que morrer os abusos de poder"

A central concentrouse nunha tenda da Coruña contra a política de medo e represión
A Coruña - 23 Xun 2021

Ao berro de "abusos laborais, non podemos máis" ou "traballo digno e con dereitos", a sección sindical da CIG continuou este mércores co calendario de mobilizacións para denunciar os abusos de poder e a política de medo e represión exercida por Mercadona, así como demandar emprego digno e respecto aos dereitos.

As mobilizacións, explica André Abeledo, delegado da CIG, son unha "resposta á actitude de non respecto á propia humanidade dos traballadores e das traballadoras. Non pode ser que o persoal de Mercadona veña traballar con medo e que se lle falte ao respecto cando está no seu posto. O que pedimos, aínda que pareza mentira en pleno século XXI, é dignidade".

Denuncia que fronte á imaxe que Mercadona quere vender publicamente de ser unha empresa modelo, a realidade laboral é ben distinta. As delegadas e delegados da CIG na provincia da Coruña, apunta, teñen detectado que estes abusos de poder son especialmente problemáticos na tenda de Bentanzos, na da Avda. de Oza da Coruña e na situada no Outlet de Culleredo, onde decidiron centrar desta volta as mobilizacións.

Neste senso, instan a Mercadona a tomar medidas de inmediato "porque non pode ser que a xente traballe con medo e baixo presión constante". Unhas presións e uns ritmos de traballo estresantes, engade Abeleiro, que acaba afectando seriamente á saúde dos traballadores e das traballadores.

Abeledo anima as compañeiras e compañeiros de Mercadona a non quedar caladas e reaxir ante os abusos laborais xa que é a través da mobilización como se conseguen os avances. Neste senso, pon de exemplo que, tras da campaña de protestas da CIG na provincia da Coruña pola sobrecarga de traballo, a empresa fixo un reforzo de persoal de cara ao verán para cubrir as vacacións e estanse cubrindo tamén as baixas.