A CIG insta a CCOO a sumarse á negociación dun novo acordo de convenio para o transporte de viaxeiros/as

Ambas centrais sumarían o 63% da representación do sector na provincia
A Coruña - 23 Feb 2026

No día de hoxe coñeceuse que CCOO rexeitou a proposta da patronal e que non asinará o convenio provincial do transporte de viaxeiros/as por estrada tal cal está na súa última versión. Pero esta posición, sendo a correcta xa que supón respectar o mandato dos traballadores e traballadoras, non servirá de nada se non se suma á negociación dun novo acordo.

Xa o día 12 de febreiro, a CIG lle solicitou a CCOO unha reunión para ver as posibilidades de facer unha nova proposta conxunta -que contaría co 63% de respaldo na mesa-, sobre a base da plataforma unitaria e que apartara definitivamente o acordo derrotado no referendo. A CIG reitera ese chamamento, que hoxe mesmo lles foi trasladado por escrito, antes da seguinte reunión da mediación prevista para esta semana (con día aínda por concretar).

A ameaza do convenio de eficacia limitada coa que a UGT e a patronal están querendo impoñer ese acordo rexeitado nas votacións debe ter, como ocorreu na manifestación deste pasado domingo en Santiago, a maior contestación posíbel, por varias razóns:

  1. Porque a negociación do convenio aínda non rematou e polo tanto mentres non haxa un peche oficial da mediación non hai convenio, nin de eficacia limitada nin de eficacia xeral. UGT, unha vez máis, está cometendo un fraude e enganando o persoal só para tentar desmotivar e dividir ao sector.
  2. Porque suporía impoñer desde a minoría sindical un acordo rexeitado de forma contundente polo sector. Un texto escrito pola patronal co que pretenden colocar as persoas traballadoras na chantaxe de aceptar recortes ou quedar sen suba salarial.
  3. Porque é de dubidosa legalidade por todas as irregularidades que se cometeron durante esta negociación.

Polo tanto, a CIG non dá este proceso por pechado e agarda que CCOO non considere que abonda só con rexeitar a proposta da patronal. Aínda hai tempo, se hai vontade, antes da próxima reunión.