CIG-Industria alerta da situación de incerteza na que se atopan os 49 traballadores e traballadoras de Tórculo Comunicación Gráfica

A empresa ten que se disolver o vindeiro día 23 de maio por resolución xudicial
Compostela - 16 Mai 2025

A CIG-Industria da comarca de Santiago denunciou hoxe a grave situación de Tórculo Comunicación Gráfica, unha empresa referente nas artes gráficas con 50 anos de historia, que afronta a disolución por orde xudicial antes do 23 de maio. Benedicto Blanco, representante sindical, sinalou ao xerente, Jacobo Bermejo Barrera, membro da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, como o principal responsable da crise, que pon en risco os 49 postos de traballo de empregados cunha media de idade de 50 anos. A CIG esixe transparencia e solucións que prioricen a continuidade laboral.

Tórculo Comunicación Gráfica, con sede principal en Santiago e presenza en Vigo, A Coruña e Madrid (con 6 ou 7 empregados), foi un piar das artes gráficas en Galiza, facturando ata 6 millóns de euros anuais. Porén, a empresa acumula unha débeda de 7 millóns de euros, froito da mala xestión do seu xerente. Por iso, Benedicto Blanco lamenta que “parece mentira que despois de 50 anos unha empresa como Tórculo, pola súa ambición de medrar, estea na bancarrota, sen cartos para pagar as indemnizacións”.

A crise agudizouse desde maio de 2024, con atrasos nos pagos. En novembro de 2024, Tórculo presentou un concurso de acredores, anunciando a intención dunha empresa catalá, Socigestal S.L., de adquirir a compañía. En marzo de 2025, a xuíza encargada anulou a compra, argumentando que non ofrecía garantías para os traballadores. Blanco denuncia que “hai unha orde xudicial que di que se ten que disolver a empresa antes do día 23 deste mes”, reflectindo a urxencia da situación.

Opacidade e mala praxe

A CIG-Industria apunta a Jacobo Bermejo Barrera e ao seu equipo de dirección como responsables do colapso. Neste sentido, Blanco critica que “é a mesma xente que fundiu a empresa” a que agora tenta “montar unha sociedade para quedarse coa empresa”, sen garantías de viabilidade. Advirte que “se esta xente, ou el, ou o xerente, ou a súa directiva o fixeron mal unha vez, pois, evidentemente, non o van facer ben”, cuestionando a credibilidade da dirección para liderar unha recuperación.

O representante da CIG-Industria denuncia ademais prácticas opacas, como a apertura dunha conta bancaria paralela en novembro ou decembro de 2024 para xestionar pagos a provedores, eludindo o administrador concursal. “Non sabemos o porqué, para eles faceren os pagos”, explica e sospeita que esta conta puido servir para “cobrar débedas de clientes e metelas no seu peto”.

Nesta liña Blanco denuncia ademais que Tórculo adquiriu unha empresa en Madrid, en concurso de acredores, “cunha débeda non saldada que non sabemos con certeza”. Blanco atribuíu este fracaso á “ambición dos xerentes de ser o top guai das artes gráficas” e a gastos como a compra dunha máquina denominada ROTATIVA RICO VC 70.000, a única no Estado español valorada en arredor dun millón e medio de euros.

Os 49 traballadores de Tórculo, con centros en Santiago, Vigo, A Coruña e Madrid, enfróntanse a un futuro incerto. O persoal non ten débedas coa Seguridade Social, pero a preservación dos empregos está no aire.

A CIG exixe que “se saiba o que hai” e que se faga público o alcance da crise. Blanco insiste en que “hai unha difícil viabilidade de que isto se poida recuperar cunha venda da unidade produtiva”, rexeitando o plan de Bermejo Barrera por carecer de credibilidade. Por iso demanda unha solución que priorice os traballadores, instando a institucións e acredores a buscar alternativas viables que eviten a disolución e protexan os empregos.