CIG-Ensino solicita a vacinación do alumnado universitario en prácticas nos centros educativos
A CIG-Ensino, xunto coas demais organizacións da Mesa Sectorial Docente, vén de solicitar á consellaría de Educación a inclusión na campaña de vacinación do alumnado universitario en prácticas nos centros educativos. A Consellaría argumentou que non incluía esta demanda tendo en conta a decisión contraria de Sanidade, dado que o alumnado da rama sanitaria que realizaba as prácticas nos hospitais tampouco fora vacinado.
Incorporar nese documento a este colectivo en formación era, segundo explicaa a CIG-Ensino, correcto xa que a súa presenza nos centros educativos e o contacto co alumnado é claramente semellante ao que ten o profesorado, o que debería levar a un trato idéntico na vacinación, mais a suposta decisión de Sanidade impedía facelo, ao primar o criterio dun suposto trato idéntico ao colectivo estudantil en formación.
Porén tense constancia, da man do sindicato estudantil ERGUER, de que alumnado da área sanitaria si foi vacinado no seu momento, algo que tamén se contrastou coa CIG-Saúde. Por iso,veñen de remitir un escrito á Secretaría Xeral Técnica de Educación e á Dirección Xeral de Saúde Pública solicitando que o alumnado que realiza as súas prácticas docentes nos centros educativos sexa vacinado, e que esta vacinación se aplique tamén ao alumnado que se incorpore posteriormente ás prácticas, ao igual que se fai co profesorado de baixa ou con permisos de longa duración.