CIG-Ensino proporá mobilizacións e folga se a Xunta non rectifica o protocolo para a volta ás aulas
O rexeitamento ao Protocolo da Consellaría de Educación é tan amplo, por parte non só do profesorado senón das familias e da sociedade en xeral, que Feijóo volveu á estratexia de parapetarse detrás doutros, neste caso do goberno de Madrid, ao que lle pide unidade de acción desatendendo as súas propias competencias. O anuncio da máscara obrigatoria a partir de 6 anos é, para a CIG-Ensino, unha medida insuficiente e coa que busca de novo non investir nin un só euro en redución de ratios e na contratación de persoal docente e non docente, as únicas medidas que poden contribuír a garantir a seguridade e a distancia social na escola.
Superada xa a metade do mes de agosto, ás portas da arrancada do curso escolar 2020/21 e transcorridas tan só unhas semanas da imposición unilateral do protocolo da Consellaría de Educación, que veu a luz 48 horas despois das eleccións do 12 de xullo, as incertezas son máximas entre o conxunto da comunidade educativa e do profesorado galego en particular.
Todas as críticas e temores que, con rigor e contundencia, formulou a CIG-Ensino ao documento das Consellarías de Educación e Sanidade, son hoxe compartidas moi maioritariamente pola sociedade. “Neste tempo puxéronse en evidencia as contradicións, carencias e temeridade do Protocolo para a volta ás aulas e o anuncio propagandístico de onte do presidente Feijóo vén a demostrar que a contestación social á actuación da Xunta está a ser contundente”, explica o secretario nacional, Suso Bermello.
Propaganda e medidas de baixa calidade
A CIG-Ensino considera totalmente insuficiente a medida anunciada por Núñez Feijóo de obrigar ao alumnado maior de 6 anos de idade e a todo o profesorado a usar máscara en todo momento dentro dos centros de ensino. “Esta é unha cortina de fume máis como a que vén de empregar ante a súa inacción na situación de transmisión comunitaria que se está a dar na área sanitaria da Coruña e que redunda no seu obxectivo inicial de non investir nin un euro en reducir as ratios e en contratar máis profesorado para desdobrar grupos, así como outro persoal docente que reforce os labores de limpeza, desinfección e vixilancia do cumprimento das normas de hixiene e de prevención que serán necesarios o próximo curso tanto dentro dos centros de ensino como nos servizos complementarios”, explica Bermello.
A CIG-Ensino lembra que tal e como recomendan todas as autoridades sanitarias, o distanciamento social, evitar espazos cerrados con aglomeracións e mal ventilados e o uso de máscara seguen a ser as medidas máis efectivas para minimizar o risco de contaxio. Esta última medida por si soa non é suficiente para acadar este cometido, máis aínda cando a poboación que a vai ter que levar non ten a madurez nin a capacidade suficiente para manexala axeitadamente durante unha media de seis horas diarias de clase. Así pois, e malia o agravemento da situación sanitaria no noso país, con abrochos sen controlar, “Feijóo segue instalado na política do custe 0 e non trata o ensino público como un servizo esencial que hai que protexer e garantir ao máximo”, denuncia o secretario nacional.
Con respecto ao anuncio de contratación de profesorado de reforzo e de habilitación de 144 novas aulas o vindeiro curso trátanse de medidas ordinarias que non son unha resposta á situación provocada pola COVID-19. Por un lado, os contratos programa ARCO veñen desenvoléndose desde o ano 2014, financiados polo Fondo Social Europeo e o Ministerio de Educación.
Suso Bermello explica que son contratacións de docentes de reforzo a media xornada para unha minoría dos centros educativos públicos e dentro destes só para unha parte do alumnado (4º, 5º e 6º de EP, 1º e 4º da ESO. “Non estamos polo tanto diante de ningún esforzo adicional, senón na mera aplicación dos fondos xa existentes. A principal novidade o vindeiro curso será que estes compañeiros e compañeiras farán o seu traballo en horario lectivo, e non polas tardes, o que aínda agrava a situación, xa que o que fai a Xunta é empregar fondos adicionais para que actúen como profesorado de apoio, só nun número reducido de centros, descoidando o seu cometido previsto”.
Por outra banda, a ampliación das aulas de primaria é outro exemplo de manipulación informativa por parte da Xunta. A Consellaría, segundo información recabada pola CIG-Ensino, aumentará esas aulas única e exclusivamente para poder cumprir coa legalidade da ratio máxima de 25 alumnos e alumnas por aula en primaria, non porque estea optando por unha redución de ratios como demandamos.
Neste sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino asegura que “eses pouco máis de dous centos mestras e mestres non é unha decisión que responda á situación sanitaria que vivimos senón ao cumprimento da legalidade, como tamén fixeron outros cursos académicos”. En todo caso considera que esa cifra “é totalmente irrisoria se a comparamos coa doutros gobernos autonómicos que falan de miles de novos docentes para poder atender a nova situación nas aulas”.
A estratexia de delegar responsabilidade de novo
O presidente galego volve parapetarse, segundo Suso Bermello, “detrás doutras administracións para non exercer as competencias efectivas que ten a Xunta de Galiza en educación. De novo deriva no goberno español o desgaste que supón a xestión educativa e sanitaria desta pandemia pedindo unha actuación única a nivel estatal con respecto á volta ás aulas”.
Lembra que o único documento que existe na actualidade deste tipo recomenda distancias físicas nas aulas de 1,5 metros e ratios de 15 ou 20 alumnos como máximo e denuncia que “nada diso recolle o protocolo da consellaría. Por que se fala entón dun marco estatal se o único existente non se ten en conta? Para enredar, para non aparecer como quen toma as decisións e poder culpar ou, cando menos, compartir a culpa coa administración do Estado”.
Non sermos cómplices, a única resposta á altura das circunstancias
Tal e como avanzou a CIG-Ensino nas concentracións convocadas o mes de xullo (por unanimidade sindical) naquelas condicións sanitarias e sen cambios no protocolo, o curso non podería comezar con normalidade. O certo é que o protocolo segue igual, a consellaría non se moveu mais a situación sanitaria si se agravou e todo indica que aínda será peor en setembro.
Por iso considera que, así as cousas, se fai imprescindíbel unha resposta de mobilizacións do profesorado e do conxunto da comunidade educativa con convocatoria de folga no comezo de curso se non hai ningunha rectificación por parte da Xunta. A CIG-Ensino así llo proporá ás outras centrais sindicais nunha reunión a vindeira semana.
Con todo Bermello matiza que este non é un asunto meramente sindical. “Estamos a falar da saúde do profesorado, do alumnado, das súas familias e de toda a sociedade en xeral”. De aí que desde a CIG-Ensino se van promover concentracións, manifestacións, xornadas de folga e todas aquelas propostas que considere necesarias para frear o protocolo e obrigar a Xunta a dar marcha atrás na súa aplicación.
“O aumento da distancia física nas aulas, a contratación de profesorado para dar resposta a todos os desdobres, a asunción de responsabilidades por parte da Consellaría, a contratación de máis persoal non docente (limpeza, subalterno, comedor...) e a garantía dunha resposta universal e sen discriminacións no caso de termos que acudir á teledocencia parcial ou completa deben movernos e implicarnos. O profesorado non será cómplice da temeridade de quen nos goberna; será responsábel co noso servizo público como docentes, coa educación presencial segura e coa saúde pública”, conclúe Suso Bermello.