CIG-Ensino e ANPAS Galegas chaman a mobilizarse contra os drásticos recortes de profesorado
CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS fan un chamamento a todos os sectores implicados na defensa do ensino público para que participen na mobilización convocada sob o lema “Menos ratio, máis docentes. Contra a pandemia dos recortes”, o vindeiro mércores, día 8 de setembro, coincidindo co arrinque do curso escolar, para redobrar esforzos ante as pretensións da Xunta que agravarán aínda máis as carencias do sistema educativo público galego. Entenden que “a forza da comunidade educativa será a única capaz de frear os recortes e de manter os cadros de persoal docente en todas as etapas educativas sen superar, cando menos, as ratios do curso pasado”.
O sindicato e ANPAS GALEGAS queren manifestar o seu descontento e indignación ante os drásticos recortes de persoal docente e incremento de ratios que a Consellería está levando a cabo ignorando a situación de pandemia que aínda vivimos. Queren tamén recordar ao profesorado e as familias a necesidade de reaccionar ante o desmantelamento progresivo do ensino público.
O protocolo recentemente aprobado na reunión da Conferencia Sectorial de Educación e o Ministerio de Educación coas distintas consellerías de Educación supón 1,2 metros dentro das aulas en todas as etapas educativas de secundaria, FP e ensinanzas especiais e o mantemento do grupo burbulla en infantil e primaria.
Como xa se denunciou reiteradamente desde a CIG-Ensino, os criterios adoptados, de cariz exclusivamente económico, fan caso omiso das recomendacións científicas que alertan sobre a incerteza coa que vai comezar o curso escolar. Por outra banda, a Xunta non está obrigada a aplicar estritamenteestas distancias senón que podería manter, por exemplo, as do ano anterior; o móbil da diminución da distancia nas aulas galegas vai ser a redución da partida orzamentaria para educación.
Limitar ao máximo as ratios en Infantil e Primaria
As entidades convocantes consideran que o que se debe facer en Infantil e Primaria é limitar ao máximo as ratios e, como mínimo, manter todos os desdobres autorizados no curso pasado, así como as contratacións de profesorado de apoio necesario.
Pola contra, a decisión da Xunta de pechar 127 aulas, colexios ao completo e reducindo docentes no rural bota por terra a mellora das condicións de traballo e do proceso de ensino aprendizaxe, e polo tanto da calidade do ensino, que se fixeron evidentes nomeadamente nos centros do rural durante a pandemia dadas as súas baixas ratios.
Polo que respecta ao ensino secundario, a CIG-Ensino denunciaba nun estudo realizado durante o pasado mes de xullo (sobre arredor do 50% dos centros galegos) o recorte sen precedentes nos cadros de persoal docente para o curso 2021/22. Denunciábase neste estudo que cando menos se prevía un recorte de 435 prazas con respecto ao ano pasado. Esta cifra incrementaríase se o estudo se fixese sobre a totalidade dos centros, evidentemente.
Opacidade da consellaría de Educación
Desde a CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS tamén se critica a opacidade da Consellería dado que un ano despois das evidencias dos efectos da pandemia nos centros escolares non temos ningún tipo de estudo sobre os seus efectos: por grupos de idade, por sectores profesionais, por zonas xeográficas, por tipoloxía de centros etc.
Este escurantismo é aínda máis acuciante no aspecto orzamentario xa que neste momento non existe información detallada sobre en que se gastaron os cartos que desde o Goberno estatal se destinaron ao ámbito educativo do curso 2020/21.
Xunto a isto queren denunciar a falsidade de que as 1.250 contratacións (a media xornada) do Plan Recupera fosen para afrontar as contratacións necesarias do curso pasado. ANPAS GALEGAS e CIG-Ensino declaran que o que precisa o ensino público é manter os docentes dos cadros de persoal, que son os que pretende recortar a Xunta.
ANPAS GALEGAS E CIG-Ensino insisten na necesidade imperante de reacción da comunidade educativa ante os criterios adoptados pola Xunta, nin científicos nin sanitarios, obviando a aínda moi elevada incidencia da pandemia, nomeadamente no sector máis novo da sociedade. As entidades convocantes fan especial fincapé en que as medidas adoptadas pola Administración ante o inminente comezo de curso fundaméntanse en criterios económicos e nunha concepción ultraliberal xa que unha redución de profesorado supón un suculento aforro que, por outro lado, carrexará un inexorable detrimento da calidade do ensino.