CIG-Ensino denuncia as formas en que a Xunta realiza a proba serolóxica ao profesorado galego
A CIG-Ensino denuncia que “a última ocorrencia” da actuación “improvisada e falta de rigor” da administración autonómica é a realización de test serolóxicos de dobre banda a todo o persoal dos centros educativos sostidos con fondos públicos na última semana do mes de agosto. Aínda que esta proba non aparece nin como posibilidade no “Protocolo de adaptación ao contexto da COVID19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021” foi anunciada na web da Consellaría a mediados de xullo, sen que o profesorado, nin os seus representantes, tivese máis novas do tema.
A CIG-Ensino non cuestiona a eficacia práctica da medida, nin que se opte pola proba menos fiable das coñecidas para detectar o virus, nin que, en palabras de persoas expertas sanitarias, esta proba “non ten moito significado clínico”. En todo caso, é unha proba discutida e posta en cuestión fronte aos PCR, aínda que estes tampouco estean exentos de cuestionamento. En todo caso, denuncia a forma en que se “organiza” a realización deste test.
Lembra que o profesorado está oficialmente de vacacións no mes de agosto e que dispón dun correo electrónico corporativo como canle de comunicación coa Consellaría. Malia iso non recibiu ningunha comunicación das condicións nas que se van realizar estas probas, tendo que saber nesta semana e por distintos medios que debe facer a proba con carácter inmediato:
- Algún profesorado por un SMS ao seu teléfono móbil, remitido polo SERGAS. Non é nominativo nin se indica o NIF nin ningún dato do receptor e mesmo xera dúbidas da súa veracidade.
- Outro profesorado mediante chamada telefónica. Nalgúns casos houbo duplicidade de SMS e chamada.
- Non todas as xefaturas territoriais están a actuar simultaneamente nin cos mesmo criterios. As respostas diante de dúbidas que ofrece o persoal da área sanitaria amosa que tampouco no seu caso tiveron unha información homoxénea e clara, o que leva a respostas contraditorias ao profesorado que solicita información.
- Mesmo se ten chamado a directores de centros educativos para comunicarlles que se lles envía un correo electrónico que deben remitir a todo o profesorado do claustro con carácter de máxima urxencia, pois no mesmo cítaselles para facer a proba ao día seguinte no hospital de referencia.
- No colmo da descoordinación, a Xefatura Territorial da Coruña enviou un email a determinados centros con “información co cronograma de realización dos Tests PCR nos Centros educativos que nos traslada a Consellería de Sanidade” e indicado que as franxas horarias e días non se poden modificar, cando noutras provincias ou áreas sanitarias de teñen autorizado cambios.
En todos os casos o persoal docente descoñece oficialmente que tipo de proba se lle vai facer, a posibilidade de mudar día ou hora da cita, se é ou non voluntaria ou que utilidade ten de cara a volta ás aulas. Simplemente son citados dende a área sanitaria onde van ter o destino no curso 2020-21 sen ter en conta a súa residencia.
Por iso a CIG-Ensino denuncia esta forma de facer as cousas, que “non parece contar con todo o rigor para obter un estudo do grao de inmunidade do profesorado ante o inicio do curso escolar” e esixe da Consellaría que se informe a todo o profesorado das condicións nas que se desenvolve, así como da necesidade de poder adaptar o calendario de realización das probas, se se solicita polo profesorado en caso de que teña carácter voluntario ou se esta ten carácter obrigatorio en que condicións se vai poder cumprir con esta obriga no caso de imposibilidade de acudir nas datas previstas “arbitraria e aceleradamente” impostas pola Xunta.