CIG-Ensino denuncia a decisión da Xunta de facer recortes sen precedentes en plena pandemia
Seguindo o guión previsto, a reunión da Conferencia Sectorial de Educación entre o Ministerio de Educación e as diferentes consellarías de Educación rematou co visto e prace do distanciamento interpersoal de 1,2 metros dentro das aulas en todas as etapas educativas e o mantemento do concepto de grupo burbulla en infantil e primaria. Coa experiencia de todo o acontecido durante o curso pasado a CIG-Ensino afirma que estas decisións non responden a criterios científicos. Son cada día máis as voces que alertan, desde o propio ámbito sanitario, do erro que implica a redución do distanciamento nun momento no que a incidencia da pandemia aínda é moi elevada no conxunto da sociedade e na mocidade en particular.
Como xa ten denunciado, a CIG-Ensino considera que a Xunta de Galiza toma a decisión de aumentar o número de alumnado por aula non porque considere que hai un maior nivel de seguridade senón exclusivamente porque quere reducir o investimento en educación e para iso só pode eliminar profesorado e aumentar as ratios.
A este respecto, a CIG-Ensino cualifica como “falacia” a afirmación do conselleiro de Educación de que as aulas galegas teñen as ratios máis baixas do Estado. “Ese xogo de “trileiros” é moi do gusto do actual conselleiro de Educación: usar ratios medias sen ter en conta a dispersión xeográfica galega e a alta incidencia de centros educativos no medio rural. Para falarmos de ratios temos que reparar nas ratios máximas e é aí onde Román Rodríguez pretende meter a tesoira: levando ao máximo legal as a nosas aulas en plena pandemia”, afirma o secretario nacional, Suso Bermello.
O peche de unidades en infantil e primaria, coa conseguinte perda de mestras e mestres, a decisión de non autorizar desdobres en primaria existentes no curso 20/21 é, para a CIG-Ensino, toda unha declaración de intencións do goberno galego. “Non é a pandemia o que lles importa, é a distribución dos fondos públicos; e para isto o PP teno claro: menos para os servizos públicos e máis para os privados”, denuncia Bermello.
A CIG-Ensino entende que estas son as conclusións que se poden tirar logo da reunión da Conferencia Sectorial e das decisións xa anunciadas pola Xunta:
- O Ministerio de Educación e as diferentes CC.AA. toman unha decisión totalmente desafortunada ao permitir que se reduza a distancia interpersoal nas aulas en contra de criterios científicos que alertan sobre as consecuencias da incerteza coa que vai comezar o curso escolar. Que a Xunta se parapete detrás das opinións do comité clínico é xa unha constatación do carácter políticos dese comité, antepoñendo a protección da saúde á decisión de reducir a contratación de profesorado.
- A decisión da Conferencia Sectorial non é, con todo, unha imposición e non hai nada que limite á Xunta para mellorar: pode manter as distancias de 1,5m e, por tanto, as mesmas condicións que no curso 20/21. Se non o fai é porque non quere.
- A falacia dos grupos burbulla queda aínda máis ao descuberto coa decisión de compartir espazos comúns. O que se debe facer en Infantil e Primaria é limitar ao máximo as ratios e, como mínimo, manter todos os desdobres autorizados no curso pasado, así como as contratacións de profesorado de apoio necesario.
- En plena pandemia é unha agresión ao ensino público pechar aulas e mesmo colexios enteiros así como reducir docentes en centros do rural. Son precisamente estes centros os que mellor afrontaron o curso da pandemia polas ratios baixas, unha razón de peso para manter todos as aulas e recursos humanos.
- As ratios oficiais, impostas polo Ministerio de Educación, teñen un carácter de máximos. Non hai nada que impida que un goberno autonómicos as reduza e así acontecerá novamente no curso 21/22 noutras CC.AA. A decisión da Xunta de non facelo obedece unicamente a un plan trazado sen escrúpulos polo PP á fronte da Xunta: reducir a partida orzamentaria en educación.
Hai agora un ano a Consellaría de Educación viuse na obriga de rectificar na súa intención inicial de limitar as contratación de profesorado e de estender a semipresencialidade á ESO e o Bacharelato. A aposta pola presencialidade non foi unha decisión da Xunta senón unha resposta á presión social. A CIG-Ensino anima a toda a comunidade educativa a presionar e denunciar no arranque do curso escolar todos e cada un dos recortes que se produzan e aposta, novamente, por manter os cadros docentes en todas as etapas educativas e non superar as ratios do curso pasado.