CIG-Ensino convoca unha protesta na Xunta en Pontevedra contra a adxudicación fraudulenta dunha praza na Escola de Restauración

A mobilización terá lugar diante do edificio autonómico este martes a partir das 11.45 horas
Vigo - 09 Mai 2016
A CIG-Ensino desenvolverá unha mobilización diante da delegación da Xunta en Pontevedra este martes para rexeitar a “adxudicación fraudulenta” dunha praza nunha especialidade que non existe na Escola de Restauración. A protesta terá lugar diante do edificio autonómico de Campolongo a partir das 11.45 horas.

A federación de Ensino da CIG de Pontevedra decidiu convocar a concentración unha vez que na relación definitiva de destinos do concurso de traslados a Consellaría de Educación procedeuse á “adxudicación fraudulenta” dunha praza nunha especialidade que non existe na Escola de Restauración. A resolución produciuse a pesar das protestas e rclamacións presentadas porque a especialidade en cuestión non foi creada e non se vai impartir no centro.

“A CIG-Ensino xa protestou nas mesas de negociación e presentou reclamacións e recursos para que se revisase a praza, obtendo unha negativa por resposta”, sosteñen. Diante disto, optaron por convocar unha concentración na porta do edificio administrativo da Xunta en Campolongo para este martes día 10 ás 11.45 horas.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.