A Área Pública censura o peche da oficina de Muface en Compostela o 30 de setembro
A Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís (MUFACE), que presta asistencia sanitaria e social ao colectivo de funcionarios, ten previsto pechar a súa oficina, ubicada no baixo do número 23 da Avenida Rosalía de Castro, en Compostela, o próximo 30 de setembro. Tal e como se pode comprobar na súa páxina web, a partir desta data calquera cuestión haberá que tramitala a través da oficina da Coruña, a única de toda a provincia.
A Área Pública da CIG amosa o seu rexeitamento a este peche, unha oficina que dá servizo a centos de funcionarios no ensino e máis necesaria aínda nunha época na que na comarca se contabilizan até 400 novos funcionarios en prácticas só no ensino neste mes de setembro.
A Área Pública lamenta fondamente que o PSOE participe na mesma política de recortes que o PP no empeoramento, e até desmantelamento, de servizos á cidadanía. A acumulación de eivas no acceso aos servizos sanitarios e sociais súmase ás dificultades que crea aos usuarios a atención telefónica, unha cuestión que prexudica gravemente ao funcionariado da comarca.
Así, os funcionarios cando precisen o visado da inspección médica para determinados medicamentos soamente poden acudir presencialmente á oficina da Coruña ou a través de correo postal, mais neste caso o visado será devolto polo mesmo medio.
A Área Pública da CIG lamenta que o Ministerio de Facenda non repoña os dous postos de traballo vacantes por xubilación e pechen así unha oficina que leva anos ofrecendo servizo a miles de mutualistas na capital. Deste xeito, en toda Galicia quedan abertas cinco oficinas, unha por provincia e a oficina de Vigo que, de momento, continúa operativa.