CIG-Ensino acusa ao conselleiro de mentir sobre a atención á pandemia no novo curso escolar
Peche de aulas en infantil e primaria, negativa a autorizar desdobres que funcionaron no curso escolar 2020/21, uso “repugnante” de datos falseados para enganar á opinión pública sobre contratación de docentes, falta de transparencia e rigor na translación de datos de seguimento da pandemia. Así describe a CIG-Ensino a actuación do conselleiro de Educación, ao que acusou de mentir no Consello Escolar no que compareceu xunto co conselleiro de Sanidade.
O Pleno do Consello Escolar de Galiza celebrado na tarde do 30 de agosto só serviu para que o conselleiro de Educación reafírmase a súa intención de manter os recortes anunciados nas últimas semanas e para evidenciar que non existe o menor interese por parte da Xunta por traducir esa “enorme precaución” que afirma ser necesaria nesta etapa de “transición”. Para o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, “non existe tal precaución cando se executan recortes de profesorado ou se pechan 127 aulas de infantil e primaria”.
Bermello asegura que non se produciu ningunha novidade importante ao respecto de cuestións organizativas no ámbito educativo e tan só, como novos datos, informaron das previsións do remate da 2ª dose na rapazada de mais de 12 anos (que sería antes do 20 de setembro en todos os casos) e da previsión de que no ano 2022 (non antes xa que se está en pleno estudo) se poderían vacinar menores de 12 anos. Tamén se informou do cambio de criterio na vacinación no caso de persoas que foron contaxiadas: da espera de 6 meses agora a vacinación xa se pode producir no momento da alta médica.
Desmontando as mentiras do conselleiro
A intervención da CIG-Ensino centrouse en desmontar as mentiras vertidas polo conselleiro de Educación durante a súa participación, que son continuidade da campaña de propaganda da Xunta para pretender disimular os recortes brutais en persoal, así como en poñer o acento nas principais eivas da organización do curso escolar 2021/22 nesta fase da pandemia:
- Criticou por igual ao Ministerio de Educación e á Xunta pola decisión de reducir a distancia interpersoal nas aulas en contra de criterios científicos que alertan sobre as consecuencias da incerteza coa que vai comezar o curso escolar. Que a Xunta se parapete detrás das opinións do comité clínico é xa unha constatación do carácter políticos dese comité, antepoñendo a protección da saúde á decisión de reducir a contratación de profesorado.
- A decisión da Conferencia Sectorial estatal non é, con todo, unha imposición e non hai nada que limite á Xunta para mellorar: pode manter as distancias de 1,5m e, por tanto, as mesmas condicións que no curso 20/21. Se non o fai é porque non quere.
- A falacia dos grupos burbulla queda aínda máis ao descuberto coa decisión de compartir espazos comúns. O que se debe facer en Infantil e Primaria é limitar ao máximo as ratios e, como mínimo, manter todos os desdobres autorizados no curso pasado, así como as contratacións de profesorado de apoio necesario.
- En plena pandemia é unha agresión ao ensino público pechar 127 aulas e mesmo colexios enteiros así como reducir docentes en centros do rural. Son precisamente estes centros os que mellor afrontaron o curso da pandemia polas ratios baixas, unha razón de peso para manter todos as aulas e recursos humanos.
- As ratios oficiais, impostas polo Ministerio de Educación, teñen un carácter de máximos. Non hai nada que impida que un goberno autonómicos as reduza e así acontecerá novamente no curso 21/22 noutras CC.AA. A decisión da Xunta de non facelo obedece unicamente a un plan trazado sen escrúpulos polo PP á fronte da Xunta: reducir a partida orzamentaria en educación.
- Hai agora un ano a Consellaría de Educación viuse na obriga de rectificar na súa intención inicial de limitar as contratación de profesorado e de estender a semipresencialidade á ESO e o Bacharelato. A aposta pola presencialidade non foi unha decisión da Xunta senón unha resposta á presión social.
- Un ano despois das evidencias dos efectos da pandemia nos centros escolares non temos ningún tipo de informe sobre os seus efectos: por grupos de idade, por sectores profesionais, por zonas xeográficas, por tipoloxía de centros etc. Hai unha opacidade total sobre todo isto.
- A falta de transparencia esténdese tamén a cuestións orzamentarias xa que neste momento non existe información detallada sobre en que se gastaron os cartos que desde o Goberno estatal se destinaron ao ámbito educativo do curso 2020/21. Antes de apoiar calquera crítica que a Xunta exprese para conseguir máis fondos a CIG-Ensino exixe que se proporcione unha información que se mantén oculta.
- É repugnante e absolutamente falso que as 1250 contratacións (a media xornada) do Plan Recupera (enésimo nome dos anteriores PROA e ARCO) sexan para afrontar as contratacións necesarias do curso pasado. O que precisa o ensino público é manter os docentes dos cadros de persoal, que son os que pretende recortar a Xunta.
- Solicitamos novamente que se asegure a vacinación de todo o profesorado (novo funcionariado en prácticas ou interino que non traballaron nunca e que, polos motivos que sexa, non están vacinados agora mesmo).
Cáese, ao noso ver, nun erro tremendo cando toda a estratexia da Xunta descansa sobre a vacinación. O que nos din as evidencias é que a incidencia da variante delta é especialmente intensa e, se ben é certo que a vacinación pode implicar unha menor afectación persoal, non o é menos que os contaxios seguen a producirse con números moi elevados, o que pode provocar un comezo de curso complicado.