CIG, ELA, LAB e CSC celebran unha rolda de xuntanzas con organizacións políticas no Congreso
As organizacións sindicais maioritarias en Galiza, Euskadi e Catalunya, CIG, ELA, LAB e CSC reuníronse esta mañá, no Congreso das e dos Deputados, con representantes das organizacións políticas ERC, JxCAT, PNV, EH Bildu, BNG e CUP. A primeira hora da tarde celebraron unha xuntanza cunha representación do PSOE e, aínda que estaba tamén solicitada con Podemos, non houbo resposta por parte deste partido.
Nelas transmitiron a necesidade de impulsar unha axenda social inequívoca que pasa por reverter as reformas de pensións e as reformas laborais, ao tempo que lembraron a necesidade de avanzar nunha axenda democratizadora ampla, derrogando inmediatamente a Ley Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal que criminaliza o movemento social e sindical (a folga). Na mesma dirección, trasladaron que a política debe ter a primacía para resolver os conflitos nacionais que confrontan as nosas nacións co Estado.
A esas reivindicacións engadiron a do dereito a decidir nos seus respectivos territorios o modelo de relacións laborais, pensións e o sistema de proteción social.
Os catro sindicatos subliñaron especialmente, pola súa urxencia, a necesidade de derrogar as reformas laborais para recoñecer o dereito a negociar as condicións de traballo nos seus respectivos países, derrogando as reformas da negociación colectiva que deu ás á estatalización das relacións laborais e que agravou a precariedade e os baixos salarios.
Así mesmo lembraron a estes partidos a necesidade e a importancia de facer valer a súa correlación de forzas na nova representación parlamentaria para impulsar eses cambios.
Consecuencias das políticas neoliberais
Na rolda de prensa posterior á xuntanza da mañá, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, fixo especial fincapé nas graves consecuencias e o deterioro social avanzado que provocou o paquete de medidas neoliberais aplicadas durante estes anos so pretexto da crise, nomeadamente as reformas laborais de 2010 e de 2012, que “deron nun retroceso social en dereitos e en condicións de vida”.
Carril subliñou ademais que, como sindicatos das tres nacións sen estado, “compartimos tamén nesta declaración -e así o trasladamos aos grupos parlamentarios- a preocupación pola deriva social, mais tamén a preocupación por como, por parte do españolismo, se manteñen posturas negadoras da realidade plurinacional do Estado” e do dereito de autodeterminación. Posturas que “xunto coa axenda neoliberal están a favorecer un crecemento do fascismo e das políticas ultraespañolistas que é como se manifesta no Estado español, o fascismo e o franquismo de toda a vida”, advertiu.
Asunción unánime das demandas por parte das organizacións políticas soberanistas
Por iso sinalou que as organizacións sindicais salientaron tamén, na xuntanza, o seu papel como “dique de contención” contra esas políticas, facendo valer a súa representatividade, como primeiras centrais sindicais, nos respectivos países, en número de delegadas e delegados, en afiliación e en capacidade de mobilización. Un papel que chamaron a xogar tamén ás forzas políticas soberanistas no Congreso.
A este respecto agradeceu a unanimidade coa que acolleron, todas as propostas contempladas na axenda social e na axenda democratizadora, desde a derrogación das reformas e a defensa dos marcos propios de relacións laborais, até as reivindicacións nacionais, como a demanda de que se recoñeza o dereito de autodeterminación, de amnistiar os presos políticos e que rematen as políticas penitenciarias contra os presos vascos, cataláns e galegos “que tanta dor está causando, que tan inxustificado está, e que non deixa de ser reminiscencia dun pasado antidemocrático no Estado español”.
As forzas políticas soberanistas comprometéronse ademais a trasladar estas propostas, en forma de iniciativas parlamentarias concretas, para desenvolver todo o contido desta declaración e para que sexa tamén “a demostración de que hai unha realidade sindical que tamén manifesta a realidade plurinacional que existe no estado español”, concluíu Carril.
Non foi así o compromiso do PSOE, que remitiu ao diálogo social estas cuestións na xuntanza celebrada a primeira hora da tarde.