CIG, ELA e Intersindical exíxenlle ao Goberno español que volva garantir a prevalencia dos convenios nos respectivos territorios
No pleno do Congreso dos Deputados do pasado 10 de xaneiro, un dos tres decretos sometidos a votación, o presentado polo Ministerio de Traballo, non saíu adiante e fixo que non saíse adiante a prioridade dos convenios colectivos autonómicos.
No pleno do Congreso dos Deputados do pasado 10 de xaneiro, un dos tres decretos sometidos a votación, o presentado polo Ministerio de Traballo, non saíu adiante e fixo que non saíse adiante a prioridade dos convenios colectivos autonómicos.
O Goberno español ten o costume antidemocrático de tramitar diferentes medidas, incorporándoas todas para a súa aprobación mediante decretos-lei, o que tamén supón ter que aprobar ou rexeitar o texto na súa totalidade, sen posibilidade de modificación.
A recuperación da prevalencia das áreas autonómicas de negociación foi unha demanda constante e compartida entre os sindicatos ELA, CIG e Intersindical de Catalunya nos últimos anos. Esta defensa do dereito á negociación colectiva sen imposicións motivou durante os últimos anos diversas mobilizacións e folgas.
As organizacións sindicais e patronais do Estado español sempre buscaron centralizar a negociación colectiva a nivel estatal. Non foi unha cuestión pacífica, e a lexislación foi cambiando. A reforma do Goberno de Zapatero de 2010 (nun contexto de intervención de facto de Bruxelas) modificou o Estatuto dos Traballadores para conceder prioridade á negociación a nivel estatal na aplicación dos convenios colectivos.
Cómpre lembrar que, tras esta modificación, os convenios colectivos do Estado deixan de ser convenios de contido mínimo e poden converterse en convenios de contido máximo que impidan a mellora das condicións noutros ámbitos. Os acordos estatais, en comparanza cos acordos dos territorios onde se constitúen maiorías sindicais distintas ás de CCOO e UGT, teñen un contido notabelmente peor.
Estes convenios estatais non son máis que unha fórmula á medida da patronal co obxectivo de estender a precariedade e maximizar os seus beneficios. Só así se pode entender a negativa da patronal española e a súa defensa da “unidade de mercado”.
Por outra banda, a negativa dos sindicatos UGT e CCOO só é explicábel dende o interese de manter o monopolio da negociación colectiva mediante convenios estatais sen respectar as maiorías democráticas de cada territorio.
ELA, CIG e Intersindical consideran fundamental recuperar a prevalencia dos convenios territoriais sobre os estatais, xa que é fundamental para a mellora das condicións laborais, por razóns democráticas e de respecto.
Defendemos un sistema de negociación colectiva que respecte a vontade dos traballadores e sirva para equilibrar a capacidade de negociación que as reformas laborais desprazaron por completo en favor da patronal. Simplemente pedimos que onde haxa maiorías sociais por cada bando se poidan negociar as condicións laborais.
Os sindicatos ELA, CIG e Intersindical descoñecen actualmente o estado desta cuestión. Exixen ao goberno de Sánchez e ao Ministerio de Yolanda Díaz que volvan presentar, canto antes, un proxecto de lei para debater e aprobar a prioridade dos seus propios acordos sen mesturalo con outras medidas e moito menos con recortes.
Por outra banda, tamén lles reclamamos aos partidos políticos dos nosos países que, nas súas relacións co Goberno español, a prioridade dos acordos territoriais sexa un elemento esencial nas súas negociacións.
Por último, reafirmamos o valor das mobilizacións e folgas que levamos a cabo nos últimos anos para defender algo tan imprescindíbel como o dereito á negociación colectiva, a súa vixencia e o noso compromiso de seguir utilizándoas como ferramenta imprescindíbel do sindicalismo que representar.
12 de febreiro de 2024