CIG, ELA e CSC lanzan unha campaña conxunta pola derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva

Convocan mobilizacións simultáneas nos respectivos países o vindeiro 25 de marzo
Internacional - 22 Feb 2021

Os secretarios xerais da CIG, ELA e CSC compareceron esta mañá en rolda de prensa conxunta para presentar a campaña que veñen de acordar pór en marcha para impulsar os cambios legais precisos, no Congreso das e dos Deputados, para derrogar as últimas reformas laborais e da negociación colectiva e reforzar a axenda social. Unha necesidade que consideraron aínda máis urxente na actual situación de pandemia e empobrecemento xeral da clase traballadora e pola que interpelan non só ao Goberno español, senón tamén a todas as forzas políticas soberanistas presentes no Congreso.

Así o expresou na súa intervención o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen exixiu un cambio real de políticas “de forma urxente e inaprazable” para “camiñar cara unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas”. Mudanzas que, matizou,  “pasan pola inmediata derrogación total, non parcial, das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións e  a aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos roubados e recoñeza novos dereitos para frear as novas formas de explotación laboral que están inundando o mundo do traballo”.

Dereito a decidir o modelo de relacións laborais nas nacións

Neste sentido advertiu da urxencia de frear a sucesión de despedimentos masivos que estamos a vivir “por decisións unilaterais da Patronal e sen control ningún por parte das Administracións Públicas” e reclamou que se recoñeza o “dereito a decidir nas nosas nacións o modelo de relacións laborais, pensións e protección social para mellorar salarios e condicións de traballo”. Cuestión que considerou “vital” porque “a estatalización das relacións laborais estalle dando máis amplitude á precariedade e aos baixos salarios”, pero tamén “máis facilidades á patronal para os ERES e os ERTES”.

Sobre esta cuestión o secretario xeral de ELA, Mitxel Lakuntza advertiu do perigo de que os ERTES poidan converterse en ERES ao se manter en vigor aspectos da reforma laboral que facilitan o despedimento colectivo, como o feito de non precisaren autorización administrativa. Ademais advertiu da “falta de consistencia” do PSOE á hora de levar adiante cuestións de carácter social.

Sergi Perelló, secretario Xeral da Intersindical CSC, que incidiu na necesidade dun sistema de protección social forte, unha fiscalidade progresiva e un tecido produtivo sostible con salarios e condicións dignas, lembrou como o pobo de Catalunya a través do seu Paralment, “viu como o Tribunal Constitucional suspendía leis sociais relacionadas coa vivenda, a pobreza, a fiscalidade ou a igualdade, por puro centralismo”.

A crise da COVID como agravante

Con todo, o secretario xeral da CIG advertiu, que a “profunda crise económica e social” derivada da crise sanitaria “non afecta por igual a todas as clases sociais nin a todos os pobos e nacións”. Subliñou que se produciu cando aínda estabamos padecendo as graves consecuencias da crise financeira  iniciada no 2008, “con elevados niveis de desigualdade, precariedade laboral e de empobrecemento social, como consecuencia das políticas aplicadas para darlle resposta”, aínda en vigor e que “se están a actualizar para as seguir aplicando nesta crise”.

Unha situación que considerou que se enfronta en Galiza con máis dureza porque “estabamos xa de cheo nunha crise social, industrial, demográfica -agravada ante unha imparábel emigración”.

Neste sentido denunciou que a pandemia e a súa xestión “demostran a incapacidade do capitalismo neoliberal para dar solucións á humanidade, na que predominan os intereses económicos privados así como a dependencia que os estados teñen das empresas privadas para acceder a produtos esenciais”. Entre outros sinalou as propias vacinas, produtos farmacéuticos ou material de protección e denunciou que deste xeito ponse en risco a seguridade de toda a poboación ante a imposibilidade de acceder a eles no momento que se necesita.

Paquete de reformas para salvar a economía, non ás persoas

Carril denunciou ademais que se priorizara o vigor da economía “en prexuízo claro da saúde e do benestar do conxunto da poboación”. Advertiu de que se pretende saír “cun novo saqueo á clase traballadora, con máis centralismo e máis negación da realidade plurinacional existente no Estado español”. Alertou dun empeoramento da crise con “peches de empresas, abaratamento dos despedimentos masivos, modificacións das condicións de traballo, descolgues salariais, inaplicación de convenios colectivos, imposición do teletraballo” e denunciou que diante disto “temos as mesmas receitas de sempre”, que manteñen as “duras políticas ditadas pola Unión Europea”.

A este respecto considerou que todo o paquete de reformas para a chamada reconstrucción  -transición enerxética, economía verde, transformación dixital, teletraballo, reforma das pensións...- “aumenta as ameazas económicas, industriais, sociais e laborais” e impacta negativamente no conxunto do pobo galego, xa que “en realidade son obrigadas para poder acceder aos fondos do Acordo Europeo para a Reactivación pola covid-19”.

Sobre os fondos denunciou que en realidade son “un auténtico plan de rescate da economía, non das persoas” e que levan consigo “un severo paquete de recortes do gasto público” coa imposición de novas reformas –como a das pensións–, a consolidación das anteriores reformas –como as laborais de 2010 e 2012–, conxelacións salariais ou máis subas nos impostos indirectos, entre outras duras medidas da disciplina orzamentaria e fiscal que “impón a troika para reducir o déficit e a débeda pública”.

E mentres isto sucede “as elites económicas seguen concentrando riqueza a base de ter carta branca para o que queiran e acceso a millonarios recursos públicos para afrontar a crise, xa que socializan as perdas pero privatizan as ganancias”.