CIG e patronais do sector da discapacidade AEDIGAL e INRED acordan constituír a mesa para un convenio galego

Os tres axentes, maioritarios no sector en Galiza, acudirán ao CGRL para que abra o marco galego de negociacións, convocando ás partes social e patronal, e dirixa e colabore no proceso
Nacional - 05 Mai 2025

A CIG-Ensino vén reivindicando historicamente un Marco Galego de Relacións Laborais no sector da atención á discapacidade, máis cando rematan as negociacións do convenio estatal (neste caso xa o XVI) que, de forma sistemática, non dan resposta ás reivindicacións e necesidades dos distintos centros de traballo (asistenciais, de emprego e educativos) e de todo o seu persoal traballador (condicións laborais, sociais e salariais dignas). De feito no sector dos centros especiais de emprego por exemplo xa existe un convenio de ámbito galego.

Con este fin, ao longo do mes de abril responsables do sindicato e unha “comisión negociadora” de 4 delegados/as electos/as na asemblea de delegados/as dun total de 71, que fan da CIG o maioritario no sector, mantiveron reunións coas patronais AEDIGAL (Asociación Empresarial para a Discapacidade Intelectual e do Desenrolo de Galicia) e INRED (Asociación Empresarial Galega de Entidades da Discapacidade Intelectual e Afíns), tamén maioritarias. Froito desas xuntanzas acadouse o compromiso de constituír a futura mesa de negociación na Galiza “por un convenio galego”, como garante da mellora da calidade do servizo e dunhas condicións dignas laborais e salariais para todo o persoal traballado.

A CIG fará os trámites para que o Consello Galego de Relacións Laborais, en representación da administración que ten as competencias, abra o marco galego de negociacións convocando en función da súa representatividade ás partes patronal e social para poder acadar o “I convenio galego de atención á discapacidade ”.

Incrementar o investimento

Nos encontros analizáronse coincidencias e puntos en común nos que confluír de cara a facer fronte á Xunta, que ten plenas competencias neste ámbito, para que poña os coidados das persoas na prioridade das súas políticas públicas e sociais.

En primeiro lugar o máis urxente é incrementar o investimento nestes centros sen ánimo de lucro co obxectivo de crear unha única rede pública e un convenio galego digno para o sector da discapacidade, como garante dun mellor servizo de calidade e unhas condicións laborais e salariais dignas para o seu persoal, no que se desterre a privatización mercantilista deste servizo social, público e esencial. A modo de resumo os temas expostos por AEDIGAL e INRED (só entre as dúas agrupan preto de 2000 persoas traballadoras pero hai moitas outras entidades que non están asociadas), coincidentes coa CIG, foron:

  • Unha maior calidade na atención a usuarios/as: menos ratios, mellores condicións laborais e salariais para o persoal traballador, máis persoal na atención directa... 
  • Mellorar as condicións salariais de forma inmediata cun Complemento Salarial Galego e camiñar cara un I Convenio Galego do sector no que se involucre a administración galega e que dea resposta ás necesidades e características dos centros e do persoal traballador galego, ás que non dá o XVI convenio estatal de atención á discapacidade. 
  • Mellorar o Concerto Social para que atenda, cubra e protexa a todas estas entidades asociativas que xestionan estes servizos esenciais, que é responsabilidade da administración, sen ningún ánimo de lucro, e non permitir a mercantilización destes servizos de coidados coa entrada interesada da empresa privada (exemplos como DomusVI, Clece...). Unificar e dignificar os prezos módulo-praza segundo o tipo de servizo dado polo centro e que sexan revisables anualmente. 
  • Crear unha Mesa Tripartita do sector da discapacidade na que as tres partes: social, patronal e administración formen parte e negocien as decisións máis acaídas para que Galiza sexa un referente na atención ás persoas con diversidade funcional.