CIG e ELA presentan en Bilbo unha batería de demandas ao novo goberno do Estado
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril e o secretario xeral de ELA, Mitxel Lakuntza, compareceron esta mañá en rolda de prensa, en Bilbo, xunto co secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío, e a secretaria de Relacións Internacionais de ELA, Laura González de Txabarri, para presentar as liñas de actuación común acordadas entre as organizacións sindicais maioritarias de Galiza e Euskal Herria para achegar as súas demandas ao novo goberno que se conforme no Estado.
A rolda de prensa celebrouse no decurso dun encontro que se desenvolverá ao longo de toda a xornada deste luns. Xuntanzas que son habituais entre dúas organizacións que gozan dunha relación histórica e que foi atopando no tempo espazos de colaboración, tanto no ámbito do estado, como no ámbito internacional.
Nesta ocasión ambas as organizacións sindicais afondaron na análise da conxuntura laboral, social e política que viven as respectivas nacións e no Estado. Máis en concreto, propuxéronse afondar, partillar o diagnóstico e proposta sobre varias materias que interpelan tanto á CIG como a ELA directamente.
Así na rolda de prensa presentaron as seguintes análises e propostas conxuntas:
“Ambas nacións asistimos a un grave deterioro das condicións laborais que abranguen ao conxunto da vida pola obstinación dos gobernos nas políticas de austeridade. Unha axenda neoliberal compartida ademais polos gobernos autonómicos. De singular gravidade son, por exemplo, o aumento do desemprego e a emigración, ao tempo dunha grave crise industrial na Galiza, ou o incremento da pobreza en Euskal Herria. E neste contexto preocúpanos a crise que se anuncia e a inacción política ante toda esta deriva.
Como sindicatos de dúas nacións sen estado, compartimos igualmente a preocupación pola crise do estado español (que non crise territorial, nin crise catalá) ante a cal unha maioría política parece propoñer tan só políticas represivas e antidemocráticas. Tanto ou máis grave que o auxe da extrema dereita parécenos preocupante a deriva cara ao autoritarismo de todo o arco político.
Por todo iso, e no contexto da próxima conformación do goberno español, CIG e ELA reivindican:
- Unha axenda social inequívoca que pasa por reverter as reformas de pensións e as reformas laborais, ademais da extensión de políticas que garantan a igualdade de xénero, a recuperación do poder adquisitivo dos salarios e das pensións, os servizos públicos, da protección e os dereitos sociais.
- O dereito para negociar as condicións de traballo nos nosos respectivos países, derrogando as reformas da negociación colectiva que deron na estatalización das relacións laborais, e con iso, dar máis amplitude á precariedade e os baixos salarios.
- Unha axenda democratizadora ampla, dentro da cal debe revogarse inmediatamente a lei mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal que criminaliza o movemento social e sindical, a folga, a protesta e a reivindicación.
- A primacía da política para resolver os conflitos nacionais, como o que enfronta a Catalunya e o Estado, o que supón acabar coa xudicialización da política, poñer en liberdade aos presos políticos e recoñecer o dereito á autodeterminación
CIG e ELA están convencidas de que só unha axenda desta natureza, ambiciosa e ousada, poderá poñer freo ao auxe do neofascismo que se estende en Europa e no estado español.
Somos conscientes de que tamén os sindicatos temos unha importante función democratizadora. Cremos no valor civilizatorio da loita, do sindicalismo combativo, do impulso organizado e militante da clase traballadora. Estamos no convencemento de que o dialogo e a concertación social non son as vías para arranxar esta grave realidade, máis ben o contrario, procuran a domesticación e desmobilización perante as inxustizas.
Cremos que o auxe que numerosas loitas están a coñecer nestes tempos (pensionistas, feminismo, movemento climático, conflitividade laboral e folgas…) alimentan o mellor da sociedade, xa que prestixian referencias solidarias fronte ao illamento e a invididualización propugnada polo capital”.