CIG e ELA denuncian que a patronal estatal do téxtil ARTE quere centralizar a negociación para empeorar as condicións laborais
O sindicato galego CIG e o vasco ELA denuncian a intención da patronal estatal do téxtil e do calzado ARTE de centralizar a negociación colectiva co obxectivo de empeorar as condicións laborais do sector. En consecuencia, as dúas centrais barallan a convocatoria de mobilizacións e a activación de todas as medidas de acción sindical oportunas contra esta decisión.
A CIG e ELA tiveron coñecemento dos plans desta asociación empresarial -impulsada entre outros polo grupo Inditex e pola cadea H&M- a través dos medios de comunicación, que o pasado 12 de xuño se facían eco dun comunicado no que se anunciaba a constitución dunha mesa de negociación a nivel estatal, prevista para o 17 de xullo. Ata entón ningún dos dous sindicatos recibira convocatoria algunha.
Queren levar a negociación ao ámbito estatal, onde atopan a complicidade dos sindicatos estatais para asinar medidas de destrución de emprego e pactar condicións laborais inferiores"
Con esta manobra a patronal ARTE pretende precarizar as condicións laborais das persoas traballadoras dun sector que tanto en Galiza como Comunidade Autónoma do País Vasco e en Nafarroa botouse á rúa, con convocatorias de folga incluídas, para introducir nos convenios provinciais melloras salariais e das condicións de traballo.
Uns convenios provinciais que agora varias empresas, entre elas a cadea liderada por Marta Ortega, “pretenden desactivar coa conivencia dos seus sindicatos afíns, CCOO e UXT”, mediante a negociación dun acordo estatal “que supoña a perda dos dereitos laborais” das persoas traballadoras do téxtil de Galiza, País Vasco e Nafarroa.
“Queren levar a negociación ao ámbito estatal, onde atopan a complicidade dos sindicatos estatais tanto para asinar medidas de destrución de emprego como para pactar unhas condicións laborais moi inferiores ás recollidas nos convenios provinciais galego e vasco”, censuran desde as dúas centrais. Neste sentido, lembran que os convenios de comercio téxtil vasco e galego recollen unhas condicións laborais moito máis favorables, con xornada reducida e con salarios moi superiores a moitas provincias nas que se acaba de alcanzar o salario mínimo interprofesional.
Mobilizacións contra o intento de centralizar a negociación
Por iso advirten que se mobilizarán contra calquera intento de deixar sen capacidade de negociación a Galiza, País Vasco e Nafarroa, así como para rexeitar calquera intento de precarizar aínda máis un sector tan feminizado como o téxtil. Ao mesmo tempo, adiantan a súa disposición para activar todas as medidas de acción sindical que consideren oportunas “para defender as nosas áreas de negociación e as nosas condicións laborais”.
De feito, fan fincapé en que estes tres territorios xa se opuxeron ás medidas de destrución de emprego e aos plans de precarización laboral que o grupo Inditex e a cadea H&M levaron a cabo co apoio de sindicatos como CCOO e UXT. En Galiza a CIG convocou varias xornadas de folga en defensa das condicións de traballo en H&M e en Inditex. Mentres que as persoas traballadoras do País Vasco e de Nafarroa mantiveron unha folga durante 45 días para defender os seus postos de traballo.