CIG, CCOO, CSIF e UGT demandan no Parlamento medios, persoal e dereitos nas residencias públicas
As organizacións CIG, CCOO, CSIF e UGT compareceron esta mañá ás portas do Parlamento de Galiza, tras reunirse cos grupos parlamentares, BNG, PSOE e PP, na que é a 18ª xornada de loita e mobilización. Unhas xuntanzas nas que expuxeron as demandas do persoal dos centros residenciais de Política Social, coincidindo coas concentracións que as traballadoras e traballadores celebraban diante dos centros de traballo.
Segundo denuncian, a conselleira de Política Social, Fabiola García, “continúa desoíndo” as súas peticións de negociación de cara abordar os problemas que arrastra o persoal dos seus centros.
Máis medios e persoal
Cunha situación crítica na extensión da pandemia seguen reclamando medios materiais e de seguridade, máis persoal, información e participación. “Está claro que algo non funciona cando 7 meses despois, nesta segunda onda, volvemos a ter os mesmos problemas. Á falla de persoal que arrastramos dende o 2012 agora sumáselle que non temos cadro para substituír as traballadoras/es que caen positivos pola situación precaria das condicións laborais de Política Social”, explicaron.
Nas reunións cos grupos parlamentarios tratouse ademais a carga de traballo e falla de medios do persoal nos centros de política social e solicitouse que nos orzamentos para o 2021 se reforce o cadro de persoal dos centros de xestión pública e se aumente o número de prazas públicas como garantía de calidade asistencial nas residencias e para “parar o negocio dos coidados cos nosos maiores”.
Recuperación de dereitos
As e os representantes das organizacións sindicais solicitaron tamén dos grupos parlamentares que se inste ao goberno de Feijoo a negociar as condicións de traballo, tanto do persoal dos centros de atención da propia Consellería, como do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar.
Xunto a isto insistiron na necesidade de restaurar os dereitos recortados do V Convenio e na transformación dos contratos parciais a xornada completa, recuperar o cadro persoal dos centros ao menos a niveis do 2012, reforzando a calidade asistencial deste sistema público referencia da calidade asistencial na Galiza.