CIG-Área Pública cualifica a suba do 2,5 % como “un novo recorte encuberto” do salario do persoal empregado público

Exixe incrementos por enriba do IPC, o estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial e unha negociación colectiva real
Nacional - 15 Xan 2026

A CIG-Área Pública (CIG-Saúde, CIG-Administración, e CIG-Ensino) critica que o incremento salarial do 2,5 % que o persoal empregado público está comezando a percibindo estes días na súa nómina non supón ningunha mellora real das retribucións, malia que o Goberno español e os sindicatos estatais CSIF, CCOO e UGT o presenten como un logro do chamado “acordo salarial estatal”.

Este incremento, pactado en Madrid sen contar coa CIG -sindicato maioritario en Galiza-, non permite recuperar o poder adquisitivo perdido polo persoal e constitúe, na práctica, un novo pacto de perdas salariais.

A CIG-Área Pública lembra que o persoal empregado público leva anos sufrindo unha perda continuada de salario real, consecuencia de incrementos retributivos sempre por debaixo do IPC, da conxelación salarial imposta en etapas anteriores e da ausencia dunha cláusula de garantía salarial que blinde os soldos fronte á inflación. Só desde o ano 2010, a perda acumulada de poder adquisitivo supera amplamente o 20%.

Por iso, reiteran que a suba do 2,5 % que se cobra nestes días “non compensa o aumento do custo da vida, non recupera as perdas salariais acumuladas e consolida o empobrecemento” do persoal ao servizo das administracións públicas.

Ademais, denuncian que este acordo retributivo foi pactado fóra das mesas de negociación colectiva, excluíndo deliberadamente a CIG, “o que supón un ataque directo aos dereitos sindicais e á representación real do persoal das administracións en Galiza”.

Fronte a isto, a Área Pública da CIG exixe incrementos salariais reais por enriba do IPC, o estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial que opera automaticamente cada ano e que unha negociación colectiva real, nos ámbitos legalmente constituídos e con respecto ás competencias galegas.

A CIG-Saúde, a CIG-Administración Pública e a CIG-Ensino “continuarán mobilizándose en defensa dos salarios, da dignidade profesional e duns servizos públicos de calidade e con dereitos laborais”.