CIG-Administración mobilízase por unha suba salarial digna para o persoal empregado público e servizos de calidade

Delegadas e delegados concentráronse nos edificios da Xunta
Nacional - 19 Nov 2025

A CIG-Administración Pública desenvolveu este mércores concentracións diante dos edificios da Xunta para denunciar o empobrecemento do persoal empregado público e o deterioro continuo dos servizos públicos. As concentracións convócanse no marco do debate parlamentar da lei de orzamentos xerais de Galiza, que non inclúen melloras nas condicións económicas nin de traballo do persoal ao servizo da Xunta, e no proceso aberto polo Goberno español á marxe da Mesa Xeral de Negociación para tratar un acordo salarial plurianual.

“Facemos estas concentracións diante dos edificios administrativos porque tamén temos en marcha a campaña de recollida de sinaturas en apoio á iniciativa lexislativa presentada pola CIG para o establecemento dunha cláusula de garantía salarial na administración”, explicaba o secretario nacional da CIG-Administración, Luis Carballo, na protesta realizada na Xunta en Pontevedra.

Explicou que a través desta proposición non de lei pídese da cámara galega que inste a Xunta de Galiza a dirixirse ao Goberno español para incluír unha cláusula de revisión para que os salarios no sector público se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real.

Xunto a isto, Carballo reivindicou medidas concretas nos orzamentos da Xunta, que neste momento están en tramitación, “porque as condicións laborais do persoal público empeoran ano tras ano e porque precisamos dunha administración pública forte, moderna e ao servizo da cidadanía, como garante da igualdade e a cohesión social”. A CIG trasladou toda unha batería de demandas por escrito “en forma de alegación á lei de orzamentos cando se nos presentaron no ámbito de negociación”, que non foron tidas en conta.

Entre outras materias, demandouse a recuperación dos dereitos recortados na lei de medidas de 2012 (como os días de asuntos particulares e dereitos do V Convenio do persoal laboral); o estabelecemento dun complemento transitorio do soldo base e os trienios das pagas extraordinarias para recuperar o poder adquisitivo perdido dende o 2010; eliminar as limitacións nas contratacións de persoal substituto e interino; concursos de traslados permanentes; ou restituír o dereito á carreira profesional a todo o persoal.

O secretario nacional da CIG-Administración lembrou que, nos últimos 15 anos, o persoal perdeu “máis do 20% do poder adquisitivo, mentres se conxelan as ofertas de emprego público, avellentando unha administración incapaz de avanzar nun contexto de dixitalización e modernización”.

O Ministerio negocia ás mesas legais 

Con esta realidade de fondo, e ante a negociación aberta polo Goberno español fóra das mesas legalmente constituídas só cunha parte dos sindicatos con dereito de representación, Carballo rexeitou a proposta de incremento salarial exposta polo Ministerio de Función Pública este mesmo mércores.  Considerou “claramente insuficiente” a oferta xa que “volve provocar perda de poder adquisitivo” e criticou que o Goberno recorra a xustificarse no  teito de gasto, “cando a previsión de crecemento do PIB español é do 2,9% mentres na eurozona é do 1,3%”.

Fronte a isto, reclamou ao Ministerio que de inmediato convoque a Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, na que a CIG ten presenza e que é o ámbito legal de negociación, para abordar un acordo salarial xusto para o conxunto do persoal empregado público, que debe contemplar, alén da cláusula de revisión, incrementos do 5% para este ano 2025 e para 2026.

Ademais a central nacionalista reivindicou a implantación xeneralizada da xornada laboral de 35 horas e que o Executivo estatal abandone a pretensión de eliminar a xubilación forzosa do EBEP e permitir o traballo até os 72 anos.