
CIG-Administración leva a Lugo as protestas pola recuperación salarial para o persoal empregado público

Delegadas e delegados da CIG-Administración Pública continuaron este xoves co calendario de mobilizacións provinciais para reclamarlle ao Goberno español que negocie unha serie de medidas para reverter o empobrecemento do persoal empregado público e avanzar en dereitos. Despois das concentracións realizadas na Coruña diante da Delegación do Goberno e nas Subdelegacións de Pontevedra e Ourense, nesta ocasión a protesta trasladouse até o edificio da administración estatal en Lugo.

O secretario nacional da CIG-Administración, Luis Carballo, critica que no contexto de negociación dos Orzamentos Xerais do Estado non se estea abordando o incremento salarial para as empregadas e empregados públicos, pero se fale sen complexos de aumentar o gasto en armamento. “Se o Estado quere garantir a seguridade ten que investir en persoal sanitario, docente, e persoal empregado público en xeral que son quen van garantir o funcionamento das administracións”. Cuestionou que se promova aumentar o gasto en defensa “pero non se incrementen os nosos salarios nin se fale de contratación de máis persoal a través de ofertas de emprego público”.
Por iso, Carballo xa avanzou que a central sindical realizará novas mobilizacións para demandarlle ao Goberno que convoque xa a Mesa Xeral das Administracións Públicas para tratar unha serie de propostas como a suba do 5% dos soldos para este ano, a incorporación cláusulas de garantía salarial ou a implantación da xornada de 35 horas semanais.
O secretario da federación lembra que nos últimos 15 anos o persoal empregado público perdeu máis do 20% de poder adquisitivo e que os acordos asinados por CCOO, UXT e CSIF contribuíron a este deterioro salarial. De feito, salientou, moitas persoas traballadoras públicas só viron aumentadas as súas retribucións “porque os seus salarios subiron coa alza do SMI”.

O Acordo Marco para unha Administración do Século XXI (2020-2024) -engade Carballo- non só afondou nesta perda, “senón que tamén fracasou na súa implementación, ao non derrogar a lexislación que impuxo recortes na Administración pública, como os Reais Decretos-Lei 8/2010, 20/2011 e 20/2012, que foron as nosas reformas laborais, e non conseguiu tampouco avanzar en dereitos”.
De aí que, ademais das propostas en materia salarial, a CIG-Administración reclame o estabelecemento real da xornada laboral a 35 horas semanais en 2025 e avanzar cara ás 32 horas en 2026; a recuperación da xubilación parcial aos 61 anos e un aumento dos haberes reguladores de clases pasivas para equiparar os réximes; ou crear un ámbito de negociación específico para Galiza “que promova o uso e coñecemento da nosa lingua no acceso e provisión de postos, así como un complemento salarial por este motivo”.