CIG-Administración lanza unha campaña con medidas para facer fronte á carestía da vida
A CIG-Administración presentou esta mañá unha campaña pola recuperación do poder adquisitivo do persoal da administración pública de cara a que nos orzamentos da Xunta e do Estado para 2023 se contemplen toda unha serie de medidas para facer fronte á carestía da vida.
A campaña desenvolverase ao longo deste ano e, tal e como explica o secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, con ela preténdese unha recuperación do poder adquisitivo “real e efectiva”.
Carballo lembra que as cifras de persoal ao servizo das administracións públicas mostran como desde o ano 2010 se produciu unha diminución constante até o 2017, ano no que comezou unha tímida recuperación que se consolidou no ano 2021, sen se recuperaren as cifras de 2010.
Respecto dos salarios apunta que, “desde a mocada do ano 2010, no que sufrimos unha perda de poder adquisitivo do 8%, a evolución tamén foi negativa (agás nos anos 2014 e 2015, grazas á inflación negativa ou 0) até 2018, no que comezou unha tímida recuperación”.
Porén, denuncia que a diferenza do que ocorreu coas cifras de persoal ao servizo das administracións no ano 2021 e 2022, “a consecuencia da desbocada inflación, a perda de poder adquisitivo acumulada desde o ano 2010 do persoal empregado público é do 17,30%”.
Dereitos salariais e laborais
Diante desta situación a CIG-Administración propón un incremento salarial do 5% en cada unha das tres anualidades do período 2022-2024, para poder recuperar o poder adquisitivo perdido, ademais do establecemento dunha cláusula de garantía salarial por desviación do IPC e a recuperación da retribución básica completa no importe das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron reducidas polo Real Decreto Lei 8/2010.
No mesmo sentido, considera necesario derrogar o apartado 2 do artigo 7 do RD 861/1986, que estabelece o sistema retributivo das e dos funcionarios da administración local, que impón límites que agora son innecesarios e incompatibles co novo sistema retributivo deseñado por RD lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto revisado da Lei do EBEP e a lexislación autonómica que o desenvolve.
Xornada de 35 horas
A CIG-Administración Autonómica propón tamén o estabelecemento dunha xornada máxima de 35 horas semanais, “como unha medida de reparto do traballo ante unha galopante taxa de paro que xa é estrutural no mercado de traballo galego”, explica Carballo, quen considera que “necesitamos reducir a xornada nos cómputos anuais, semanais ou establecendo días concretos de descanso nos calendarios”.
Xunto a isto, defenden que se estabelezan en cada administración marxes de flexibilidade no cumprimento da xornada, que fagan posíbel a conciliación da vida familiar e laboral, fixando un horario mínimo de referencia para permanecer no posto de traballo”.
Acabar coas horas extraordinarias
Para a CIG-Administración é imprescindíbel acabar co abuso das horas extraordinarias, derivadas en moitos casos, segundo explica o secretario nacional, “da propia perversión da taxa de reposición que, so pretexto do control do gasto, impide a creación de prazas pero non limita a ampliación das xornadas laborais mediante horas extraordinarias, que se teñen que retribuír co incremento do gasto correspondente”.
Carballo considera que con estas medidas poderíase “mudar radicalmente a situación”. Entende que “non podemos permitir que no momento no que o IPC está disparado, se pretenda impor un Pacto de Rendas”.
Por iso denuncia a pretensión do goberno de Sánchez de, por unha banda, non subir o IPC ao persoal das administracións públicas e, pola outra, de pretender aplicar a mesma suba que para o sector privado, ademais da “farsa” do chamado “diálogo social entre as cúpulas patronais e sindicais de CEOE, UGT e CCOO”. Unha negociación que concluirá nun “tímido pacto de rendas” para que a clase traballadora e, por conseguinte o persoal do sector público “volva cargar nas súas costas cos efectos dunha nova crise”.
O secretario nacional da CIG-Administración rexeita que se vinculen as condicións laborais do persoal das administracións públicas aos beneficios empresariais, tal e como se pretende “condicionando o aumento salarial ao acordo do pacto de rendas”, mentres se anuncian “escandalosos incrementos dos gastos militares”.