A Federación de Administración Pública ten convocada unha asemblea nacional de persoas delegadas para o vindeiro mércores 4 de novembro, en Santiago de Compostela, para abordar o avance na perda de poder adquisitivo do persoal empregado público e as alternativas da CIG para reverter esta realidade. Despois do encontro, ás 12:00h, o persoal sairá en manifestación até o complexo administrativo da Xunta en San Caetano.
Na asemblea, que dará comezo ás 10h, intervirán o secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, e representantes de cada un dos sectores integrados na federación: Administración Autonómica, Administración Local, Administración do Estado, Administración de Xustiza, Correos e Universidade.
A mobilización posterior partirá do edificio Cersia e percorrerá as rúas Clemente Fernández Sarela, N-634, Avenida do Camiño Francés, N-550, Glorieta da Praza de España, San Caetano, rematando no acceso ao edificio pola Rúa Otero Pedraio.
Facer fronte á carestía da vida
O motivo principal que impulsa esta mobilización, explican, “é o avance na perda de poder adquisitivo do persoal empregado público, que impide facer fronte a actual crise da carestía da vida e a suba da cesta da compra, da enerxía, do gasóleo e, de xeito especialmente grave, a imposibilidade no acceso á vivenda”.
Subliñan que resulta imprescindíbel que a Xunta de Galiza adopte medidas para que o persoal empregado público poda acceder en condicións dignas a vivenda e elaborar un plan para recuperar todos os dereitos roubados nos últimos anos. “Esta perda de poder adquisitivo está a afogar o persoal empregado público que non pode facer fronte con dignidade nin esperanza ao custo do seu día a día”, denuncian.
Acordos retributivos que afondaron na perda salarial
A federación de Administración Pública salienta que o persoal empregado público perdeu desde 2010 máis dun 23% no seu poder adquisitivo, sen que os acordos asinados polos sindicatos estatais teñan incluído ningunha medida para recuperalo. Pola contra, estes acordos afondaron nos recortes, tal e como deixan en evidencia as últimas cifras do IPC, que na Galiza acadou o 5,5% no mes de setembro, fronte á suba salarial do 1,5% asinada por CCOO, UGT e CSIF para 2026.
Esta mobilización súmase e compleméntase coa campaña iniciada hai unhas semanas pola CIG-Administración baixo o lema "Todo sobe! E o teu salario non dá para máis!", con información repartida polos diferentes centros de traballo sobre as alternativas da central para reverter a actual situación. Entre as demandas máis urxentes sitúan o estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial que permita actualizar as retribucións anualmente conforme ao IPC para frear a perda de poder adquisitivo.