Chocolatada reivindicativa nun Eroski de Arteixo para reclamarlle á empresa que regrese ao convenio provincial
Delegadas e delegados da CIG realizaron na tarde deste venres unha "chocolatada reivindicativa" diante do supermercado Eroski Center situado na Avda de Caión, en Arteixo. Con esta protesta, que se prolongou das 17 ás 21horas, as delegadas e delegados da CIG dan continuidade ás mobilizacións para reclámanlle a empresa Vegalsa-Eroski que regrese ao convenio provincial do comercio de alimentación, que abandonou en 2006 para pasar a aplicar un convenio propio de condicións inferiores.
Dende entón, as traballadoras e traballadores de Vegalsa e Eroski foron perdendo dereitos e salarios con respecto ás compañeiras e compañeiros do sector regulados polo convenio provincial. Unha precarización progresiva até o punto de ser, na actualidade, o persoal coas peores retribucións e condicións laborais e sociais de todo o sector.
Agora, a empresa, obrigada pola normativa laboral que estabelece que un convenio de empresa non pode ter condicións inferiores ao do sector de referencia, en lugar de regresar ao convenio de comercio de alimentación da Coruña, manobrou para equiparar os salarios "co peor convenio despois do de Eroski, o estatal de Grandes Almacéns". Deste xeito, as diferenzas entre o persoal de Vegalsa-Eroski continúan e "seguiranse ampliando nos próximos anos até que se repita a situación de rozar os límites da miseria".
Como exemplo, a CIG-Servizos subliña que malia o incremento que suporá a equiparación co convenio de Grandes Almacéns, a diferenza entre o salario base nun supermercado Eroski ou Familia e o que teñen en Gadis ou Froiz (compañías reguladas polo convenio provincial) aínda é de 1315 euros ao ano. Esta disparidade increméntase a medida que se gaña antigüidade e no caso de persoal coa mesma categoría e cunha antigüidade de 12 anos, acada os 2300€/ano.
A isto habería que engadirlle a contía do plus de transporte que o persoal de Vegalsa-Eroski perdeu; que non ten recoñecido como tempo de traballo efectivo os 20 minutos de descanso para xornadas superiores ás 6 horas, o que supón que ao ano traballen unhas 60 horas máis que o resto do sector; ou que non teñen dereito a gozar de tres sábados libres ao ano sen que se lle mova o resto do calendario.
Por todo isto, as delegadas e delegados da CIG continúan adiante coas mobilizacións para reclamarlle a Vegalsa-Eroski unhas condicións laborais e salariais dignas, algo que pasa "por volver ao convenio provincial do que nunca nos deberon sacar".