Chaman a participar na manifestación “Por unha CRTVG ao servizo do Pobo”
Representantes dos colectivos convocantes, entre eles a CIG, comité intercentros e traballadores e traballadoras da CRTVG concentrábanse esta mañá na praza de Abastos de Compostela para facer un chamamento á poboación a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo, día 6 de novembro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda, en demanda dunha “CRTVG ao servizo do Pobo”.
As e os convocantes, que foron celebrando no decurso do mes de outubro concentracións en distintas localidades galegas, lembraron que os medios audiovisuais públicos de Galiza son un servizo esencial que ten como misión difundir contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas e a calidade da propia democracia.
Fronte a isto denunciaron que o executivo galego mantén secuestradas a nosa radio e a nosa televisión. “Actuando ao servizo da forza política no goberno, a actual dirección da CRTVG antepón os intereses do Partido Popular aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo”.
Por iso esta mañá fixeron de novo un chamamento a sumarse á manifestación, para que esta sexa unha grande mobilización social en demanda do cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento galego.
Isto xunto co establecemento dos obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG, a través do correspondente mandato marco; a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, ou da creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á CRTVG.