Chaman a mobilizarse o día 6 de novembro en defensa dunha CRTVG ao servizo do pobo

Nas semanas previas haberá concentracións nas cidades galegas
Nacional - 05 Out 2022

O Comité Intercentros da CRTVG comparecía esta mañá en rolda de prensa, xunto con representantes das máis de 60 organizacións de carácter político, sindical, social, cultural e profesional, entre elas a CIG, para anunciar a convocatoria dunha grande manifestación que terá lugar o día 6 de novembro, en Compostela, con saída ás 12:00 horas da Praza Roxa e remate na Praza de Praterías, baixo o lema “Por unha CRTVG ao servizo do pobo”.

Unha mobilización que o presidente do Comité Intercentros e representante da CIG, Tiago Alvite considerou máis necesaria que nunca porque “os medios públicos, os medios de todas as galegas e galegos, están a ser obxecto dun auténtico secuestro por parte do executivo galego”. Un secuestro que, segundo explicou, se manifesta “na manipulación continua e descarada dos contidos dos telexornais en beneficio da forza política no goberno, o Partido Popular, e no que respecta ao resto da programación, no deterioro da variedade, o equilibrio e a calidade dos contidos destinados aos distintos públicos”.

Alvite apuntou, en concreto, a atención que a CRTVG presta á infancia e a mocidade e a imaxe que reproduce das mulleres. Cuestión respecto da que lembrou os “reiterados e escandalosos episodios de violencia machista nos que se viu envolvida a CRTVG nos últimos tempos e que foron obxecto de denuncia por parte da representación sindical e das organizacións feministas e políticas”.

Xunto a isto denunciou a “falta de perspectiva que ofrece da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social” mais tamén a “nula participación e control social da xestión e da programación da CRTVG, que se están a deixar cada vez máis en mans de empresas privadas”.

Respecto aos valores que deben inspirala

O presidente do Comité Intercentros considerou que esta situación representa “todo o contrario dos valores que deben inspirar a actividade audiovisual da CRTVG”, entre os que sinalou “a defensa da independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a participación democrática, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, así como a defensa da identidade de Galiza, da súa lingua e a súa cultura”.

Por iso, en representación do Comité e das máis de 30 organizacións convocantes da mobilización instou aos poderes públicos do país á aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos; o establecemento do mandato marco, que fixa os obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG; a creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á CRTVG ou a designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento galego.    

Cuestión, esta última, respecto da que denunciou que o actual director xeral foi nomeado a dedo, hai 13 anos, polo naquel tempo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “agora semella que está a pedir para RTVE en Madrid o que negou aquí á CRTVG”.

Actividades previas

Nas semanas previas a esta mobilización e de cara sensibilizar á poboación respecto da situación na que se atopa a CRVTG a acadar a maior participación posíbel na manifestación, anunciaron o calendario de actos que se desenvolverán en todas as cidades nas semanas previas:

LUGO: venres 7 de outubro ás 11:00 na Praza do Seminario.

OURENSE: luns 10 de outubro ás 11:00 no Parque de San Lázaro.

FERROL: venres 14 de outubro ás 11:00 na Praza de Armas.

PONTEVEDRA: martes 18 ás 11:00 na Praza da Perigrina.

A CORUÑA: venres 21 outubro ás 11:00 no Obelisco.

VIGO: martes 25 de outubro na Farola de Urzáiz.

SANTIAGO: xoves 3 de novembro ás 11 na Praza de Abastos.

MANIFESTO EN DEFENSA DA CRTVG

POR UNHA CRTVG AO SERVIZO DO POBO. RESCATÉMOLA!

Os medios audiovisuais públicos de Galiza son un servizo esencial que ten como misión difundir contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas e a calidade da propia democracia.

Eses contidos son representacións simbólicas que afectan á maneira de oír, de ver e, en definitiva, de experimentar o mundo que vivimos, e, polo tanto, requiren dun papel activo da cidadanía á hora de establecer criterios orientadorese de vixiar o cumprimento dos mesmos; isto é, requiren da participación e do control social.

Porén,o executivo galego mantén SECUESTRADAS a nosa radio e a nosa televisión. Actuando ao servizo da forza política no goberno, a actual dirección da CRTVG antepón os intereses do Partido Popular aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo.

Alfonso Sánchez Izquierdo, designado a dedo hai 13 anos polo noutrora presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,é expresión dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público. Que reduce a variedade, o equilibrio e a calidade do conxunto de programacións e servizos audiovisuais destinados aos diferentes públicos. Que posibilita a emisión noutras linguas distintas do galego. Que non potencia a participación e ocontrol social. Que dá entrada ao capital privado e deixa nas súas mans boa parte da programación da CRTVG, comprometendo os valores de servizo público antes mencionados.

Neste contexto, as organización sociais, culturais, sindicais, políticas e profesionais abaixo asinantes consideramos que a sociedade galega debe saír ao RESCATE do noso servizo público de comunicación audiovisual, e expresamos a nosa firme vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública:

  • Que garanta o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais.
  • Que recupere a perspectiva da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social, nos contidos informativos, divulgativos, educativos e de entretemento. A tal fin, garantirase o dereito de acceso, segundocriterios obxectivos de representación e implantación social, sen que poida excluirse ningún grupo social e co máximo respecto ao pluralismo e á participación democrática de toda a sociedade galega.
  • Que recupere a cobertura territorial de todo o país e as desconexións locais, espazos fundamentais para o dereito da cidadanía a acceder ao que acontece na súa contorna máis próxima.
  • Que promova e defenda a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura, co estímulo á produción editorial, teatral, músical, audiovisual e demais expresións artísticas e escénicasdo país.
  • Que xogue un papel estratéxico na converxencia dixital e garantaa presenzado galego nas plataformas dixitais.
  • Que fomente a través dos contidos a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero e fomentando accións positivas, así como o uso da linguaxe non sexista.
  • Que preste especial atención á programación dirixida á infancia e á mocidade, por canto que representan o futuro da sociedade, recuperando unha das principais funcións para a que foi creada a Galega,o fortalecemento da Cultura e a lingua propias de Galiza, así como o seu papel educativo, socializador e galeguizador.
  • Que dispoña da estrutura, dimensión e recursos materiais, orzamentarios e humanos necesarios para desenvolver con autonomía as misións de servizo público que ten encomendadas.
  • Que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores.

Por último, instamos aos poderes públicos de Galiza ao cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento galego; o establecemento dos obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG, a través do correspondente mandato marco; a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, oua creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo públicoencomendadas á CRTVG, conforme aos principios expresados neste manifesto.