Arredor de 1.200 traballadores/as do metal maniféstanse na Coruña por un convenio digno
Arredor de 1.200 traballadores e traballadoras do metal manifestáronse na tarde deste martes polas rúas da Coruña para rexeitar o bloqueo patronal na mesa de negociación e demandar un convenio provincial que recolla verdadeiras melloras laborais e salariais para o sector. A marcha, convocada polas tres centrais sindicais, saída pasadas ás 20:30 horas da Praza da Palloza e, ao berro de "convenio do metal, solución" dirixiuse á Praza de Luís Seoane, onde está a sede da Confederación de Empresarios/as da Coruña.
Alí, Eduardo Caamaño, secretario comarcal da CIG-Industria, indicou a disposición da central nacionalista a continuar nas mesas de negociación, mais sen abandonar o pulso mobilizador. Neste senso, fixo un chamamento a intensificar as accións reivindicativas que até agora veñen realizando os traballadores e traballadoras, non descartando mesmo chegar á convocatoria dunha folga no sector, pois "só coa loita lograremos que a patronal desista da súa actitude mesquiña e conseguiremos que a negociación remate cun convenio xusto,
unhas condicións de traballo decentes e uns salarios dignos".
Propostas moi distanciadas
Caamaño denunciou que nestes intres a negociación está totalmente estancada e, logo de máis de dous anos de conversas, "segue habendo diferenzas moi importantes entre as propostas da patronal e as sindicais". A este respecto, subliñou que para a CIG-Industria é fundamental acadar neste convenio reivindicacións que veñen de vello, como establecer a subrogación para os traballadores/as de contratas, regular as gardas localizadas fóra de xornada, recuperar a revisión salarial, mellorar as licencias retribuídas, limitar a utilización das ETTs, así como un incremento salarial co que recuperar poder adquisitivo.
Mentres, a patronal pretende liquidar a negociación sen incorporar ningunha mellora substancial no convenio, e mesmo recortando dereitos xa conquistados e afondando na desregulación do sector.
Solidariedade
Na manifestación participaron traballadores e traballadoras do sector do metal procedentes de diferentes cidades e vilas da provincia, mais tamén compañeiros/as do resto das provincias galegas que quixeron amosar a súa solidariedade con esta loita. Á mobilización tamén asistiu o Secretario Nacional da Federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas Aboi.
Así, o empresariado quere incrementar a distribución irregular da xornada, pasando das 70 horas actuais ás 140 horas, e propón unha suba salarial (pero sen revisión) do 4.5% en catro anos ( conxelación para 2015, e 1.5% para 2016, 2017 e 2018).
Xunto a isto pretende reducir do 60% ao 30% a cobertura da Incapacidade Temporal durante os tres primeiros días e, denuncia Caamaño, "a patronal non está disposta a retirar as ETTs do convenio ou limitar o seu uso para cubrir as vacacións e baixas".
Fronte a esta ofensiva patronal, a CIG-Industria defende a necesidade de continuar loitando con firmeza para acadar os obxectivos marcados para esta negociación.