Centos de traballadoras e traballadores do comercio vario maniféstanse na Coruña por un convenio digno
Centos de traballadoras e traballadores do comercio manifestáronse este domingo polas rúas da Coruña para reclamar un convenio digno, con subas salariais xustas e melloras nos dereitos laborais e sociais. A marcha saíu do centro comercial Catro Camiños, percorreu as céntricas rúa Juan Flórez, Praza de Lugo e Rúa Real para rematar na rúa Bailén (a altura dos antigos cines París), onde se procedeu á lectura dun manifesto.
O persoal do sector leva cos salarios conxelados dende o ano 2019 pero a patronal pretende pactar incrementos por debaixo do IPC, non garantindo a recuperación nin o mantemento do poder adquisitivo.
Na súa última proposta, a patronal ofreceu un incremento do 0% para 2020, do 4% para 2021, do 3,5% para 2022, do 2,5% para 2023 e do 2% para 2024. Con esta oferta, só tomando como referencia os anos 2021 e 2022, nos que IPC sumou 12,20 puntos, consolidaríase unha perda do poder adquisitivo dos salarios do persoal, que xa ten remuneracións cativas, do 4,7%.
Ademais, para o resto de anos de vixencia, as subas son moi pequenas e cunha cláusula de revisión que non garante o incremento conforme ao IPC real.
Un sector con máis de 20.000 traballadoras/es
No manifesto lido por Lucía Domínguez, delega da CIG, ao remate da mobilización, lembrouse que o comercio é a principal actividade empresarial da provincia e nela están ocupadas máis de 20.000 persoas, que pertencen a grandes compañías como H&M, Cortefiel, Mango, Joyerías José Luís, e outras cadeas de roupa, tendas de xoias, telefonía, ópticas, distribuidoras de material eléctrico, zapatarías e comercializadoras de toda clase de produtos.
Unhas traballadoras e traballadores “que sufrimos os efectos da pandemia de maneira directa”, pero mentres as empresas superaban a crise e volvían obter beneficios, o persoal segue condenado a perder salario e dereitos. "Non traballamos nun sector en crise”, subliñan e por iso xa advertiron que "non imos permitir que sigan aproveitándose do noso traballo".
A este respecto, a CIG-Servizos denuncia que a patronal, tanto a do pequeno comercio como a das grandes cadeas, non só non ofrece un incremento salarial digno, senón que se nega a asumir ningunha das propostas sindicais en materia de xornada, descanso, licencias, pluses, contratación etc.
Sobre a composición e características do sector, salientouse que “a maioría somos mulleres e arrastramos salarios, horarios e condicións inferiores aos doutros sectores. Moitas nin sequera temos contratos a xornada completa e a flexibilidade horaria que aplican as empresas
estraga calquera intento de conciliar a vida familiar. Saímos tarde de traballar, prolongamos xornadas, traballamos as fins de semana... e padecemos un salario cativo”.
Agora, tras anos cos soldos conxelados, xa que moitas das empresas do sector nin sequera tiveron a precaución de estabelecer unha cantidade a conta convenio, a patronal pon todo tipo de escusas para non ofrecer ningunha mellora, nun momento ademais no que os salarios perden poder adquisitivo a causa da inflación.
Fronte ás pretensións patronais, o persoal está en disposición de loitar por un convenio digno, tal e como fixo nos anos 2008 e 2013, cando protagonizaron dúas grandes folgas sectoriais. “Se na mesa de negociación as patronais non queren outorgarnos o que nos merecemos, teremos que pelexalo na rúa”, advertiron.