Centos de persoas solidarízanse co pobo catalán nas concentracións celebradas en Galiza
Centos de persoas concentráronse nas sete ciudades galegas para manifestar a súa solidariedade co pobo catalán, rexeitar o xuízo político aos seus lexítimos representantes e proclamar que a “Autoderminación non é delito”. Nas mobilizacións, convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya, as persoas congregadas reclamaron tamén a liberdade para todos os presos políticos.
Ao remate das mobilizacións, que se celebraron de forma simultánea en Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Lugo, Ourense e Compostela deuse lectura a un manifesto no que se lembra o xuízo iniciado o pasado día 12 de febreiro, en Madrid, no que o Estado pide 177 anos de prisión para quen considera responsábeis por organizar o referendo de autodeterminación de Catalunya de 1 de Outubro.
Por iso desde a plataforma denúnciase que “sentan no banco dos acusados algunhas desas responsábeis. Mais non nos enganemos. Por trás dos pormenores técnicos e da linguaxe xurídica, quen está a ser enxuizado é todo un pobo, que en 2017 demostrou ao mundo, de maneira clara e contundente, a súa vontade de decidir o estatus e o futuro do seu propio país e cuxo goberno tivo a determinación de colocar as urnas por toda Catalunya para que esa vontade puidese ser expresada libremente e de maneira verificábel”.
Isto aconteceu, explicaron, mentres o Estado español “enviaba as súas forzas de choque para tratar de impedir fisicamente as votacións, deixando máis de mil persoas feridas nas cargas policiais e numerosos destrozos”. Mesmo así, no total, “máis de dous millóns duascentas mil persoas acudiron a votar. 90% fíxoo a favor dun Estado independente en forma de República”, lembraron.
Un ano de prisión preventiva
Agora, despois de que a prisión preventiva se teña alongado durante un ano enteiro, “a fiscalía do Estado traballa arreo para deixar á marxe eses feitos e insistir en que as persoas xulgadas están en Madrid por actos de “rebelión”, "sedición" e “desobediencia grave” que teñen que ser xulgados de maneira específica. E participa desa farsa tamén o Tribunal Supremo, que de ningunha maneira pode ser considerado neutral, e todos os resortes do propio Estado e da oligarquía española, desde o seu goberno aos medios públicos e os principais medios privados, que tratan de ocultar o xuízo e de lle dar un carácter de normalidade absolutamente irreal para evitar a mobilización social e o escándalo internacional”.
A Plataforma Galiza de Catalunya, da que a CIG fai parte, subliña que “da mesma maneira que non xulgan 12 persoas, senón todo un pobo, tampouco se xulga unha rebelión, a sedición nin a desobediencia, senón o dereito de autodeterminación dos pobos”. E insiste en que “a autodeterminación non é un delito”.
Entende que “non pode ser xulgada, porque é un dereito colectivo que asiste a todos os pobos do mundo: ao catalán, ao escocés, ao galego, ao basco, etc., e que España decidiu non recoñecer aínda a pesar de ter asinado tratados internacionais que o inclúen claramente, en particular o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, ratificado polo Estado español en 27 de xullo de 1977. Aquela España de 1977 tiña moita presa por homologarse formalmente no plano internacional, despois dunha ditadura de 40 anos. Xa sabemos, porén, que non tiña tanto interese en facer efectivos os documentos que asinaba. Nin daquela, nin agora, máis de catro décadas máis tarde e coa rápida involución en materia de dereitos civís que vivimos: aplicación do artigo 155, lei Mordaza, etc”.
Xuízo farsa
A plataforma augura que ficará clarificado durante este “xuízo-farsa”, que non houbo malversación de fondos públicos, como abertamente recoñeceu o Ministério de Facenda do goberno do Partido Popular. Non houbo violencia nin chamamentos á violencia, nin tumultos que impedisen a convivencia, senón “un comportamento cívico intachábel aínda con millares de persoas nas rúas durante días”.
Por iso afirmaron que o que se xulga, xa que logo, “non é unha cuestión técnica. O que se xulga son ideas” e advirte de que “o Estado español procura por esta vía unha condena exemplarizante que disuada o Parlamento catalán e as forzas políticas catalás — e de pasada, tamén as do resto de nacións sen Estado — de tratar de facer efectiva a independencia, ainda que sexa por medios pacíficos e escrupulosamente democráticos”.
Solidariedade dos pobos
O manifesto concluíu lembrando que por todo isto, desde Galiza, como desde outros pobos do mundo, “estamos a saír ás rúas para lle dicir ao Estado español que o seu xuízo non se sostén por ningures, que os dereitos colectivos están para ser respectados e non só para coller os que lle interesen, e que calquera conclusión desta farsa que non sexa a libre absolución das persoas encausadas e a retirada de ordes de detención ás persoas exiliadas será unha mostra máis de que a democracia, en España, é de tan baixa intensidade que non merece sequera ese nome".
A leitura rematou enviando "todos os azos ao pobo digno de Catalunya, que no día de hoxe saíu ás rúas máis unha vez, desta volta en forma de folga xeral baixo o lema co que tamén nós convocamos estas concentracións nas cidades do noso país: a Autodeterminación non é delito!”