Centos de persoas percorren as rúas de Vigo para reclamar medidas que garantan un futuro industrial
Arredor dun milleiro de persoas botáronse hoxe ás rúas de Vigo convocados pola CIG para lanzar un S.O.S ante a grave crise que atravesa a industria da bisbarra, especialmente o sector naval e a automoción, con constante perda de emprego e crecente precarización laboral. O secretario comarcal, Alberto Gonçalves, reclamou medidas "urxentes e eficaces" ao Goberno central e á Xunta para garantir o futuro industrial, o emprego digno e os servizos públicos.
A marcha, na que participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, arrincou baixo a choiva dende Vía Norte ás oito da tarde e rematou unha hora despous no farol de Urzaiz, onde Gonçalves dirixiulles unhas palabras ás persoas asistentes.
Durante o percorrido escoitáronse berros de “Xunta, escoita, Vigo está en loita”, “Naval solución”, “Emprego digno na automoción”, “Futuro industrial para a comarca” ou “Servizos públicos de calidade”.
O máximo responsábel da CIG-Vigo lembrou que na cidade hai 7100 postos de traballo menos dos que había hai unha década, dos que seis de cada dez eran industriais. “Perante o abandono da Xunta do PP e a indiferenza do Goberno español do PSOE, asistimos nos últimos tempos a un proceso de desertización produtiva que nos lembra ao que antes viviron noutras comarcas galegas”.
Denunciou que unha actividade fundamental para a bisbarra e estratéxica para o conxunto do país como é a construción naval atópase nunha situación límite, xa que dos 10.000 empregos pasou aos menos de 2000 actuais. “Vulcano, un estaleiro centenario, abocado ao seu feche inminente, e Barreras, que ten sido escenario de mil e unha promesas electoralistas e operacións de propaganda, atravesando unha situación crítica. E a industria auxiliar, que é hoxe a espiña dorsal do sector, afogada e asfixiada pola crise dos estaleiros principais”, indicou.
É por iso a CIG reclama unha intervención pública directa que asegure o futuro de Barreras e de Vulcano como estaleiros públicos, “como os que xa existen noutras partes de Galiza e do Estado, como única maneira real e efectiva de garantirmos a actividade e o emprego”.
En canto á automoción, outra das actividades clave na economía produtiva da comarca, asegurou que tamén enfronta importantes dificultades: ERE; destrución de emprego; aumento brutal da precariedade e da explotación laboral cunha cada vez maior presenza de ETT, empresas multiservizos e centros especiais de emprego, etc. “Tamén ameaza real da deslocalización, como demostra o feito de que empresas do sector teñan apostado por se asentaren en Portugal, ou a vontade cada vez menos disimulada de PSA de trasladar produción a outras factorías”.
Por iso demandou a posta en marcha dunha Mesa Galega da Automoción, que coa participación do tecido produtivo, os sindicatos e as universidades, permita impulsar un Plan comarcal para a industria da automoción que aposte na innovación, na especialización e na promoción de novos vehículos híbridos e eléctricos, para competirmos por capacidade tecnolóxica, por valor engadido, e non con precariedade e baixos salarios.
Tamén incidiu en que o futuro industrial da comarca pasa tamén por facer valer o feito de que Galiza somos produtores netos de enerxía, demandando a creación dunha tarifa eléctrica industrial galega que nos permita aumentar a competitividade do noso sector industrial.
Recorte e privatización dos servizos públicos
Tampouco pasou por alto o “efecto letal” que están a ter as políticas de recorte e privatización dos servizos públicos, de maneira especial no ámbito da sanidade, que se ten traducido en que hoxe na cidade de Vigo haxa case 3000 empregos públicos menos que en 2009.
Así, ao Hospital Álvaro Cunqueiro recortado e privatizado engadiuse o desmantelamento de boa parte do Hospital do Meixoeiro e agora tamén a venda de Povisa a un fondo voitre norteamericano, poñendo en risco a atención sanitaria de case 140.000 persoas e arredor de 1500 postos de traballo.
“Diante da política privatizadora e de recorte que xoga coa nosa saúde, nós esiximos a absorción de Povisa para a súa integración na rede pública no Sergas, así como que se rescate de inmediato a concesión privada do hospital Álvaro Cunqueiro, para garantirmos dunha vez por todas a atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade e o mantemento de emprego”.
Finalmente, diante desta grave situación instou a reclamar tanto da Xunta como do Goberno español unha mudanza radical nas súas políticas e medidas reais e efectivas en favor da reindustrialización da comarca. “Fagámolo insistindo na mobilización e no conflito, en plantarlles cara coa loita organizada que nós dicimos que ten que cristalizar, si ou si, nunha folga xeral”.