Centos de persoas maniféstanse en Fene en defensa do empregos e da actividade produtiva en Noa Madera Creativa
Baixo a premisa "defender todos os postos de traballo e unhas condicións dignas", centos de persoas manifestáronse na tarde deste venres polas rúas de Fene en rexeitamento aos despedimentos e ao ERTE de 15 meses que o Grupo Malasa está executando na súa empresa Noa Madera Creativa. Unhas medidas que na práctica supoñen o desmantelamento da factoría fenesa ao suprimir a sección de Metal e Loxística, que se veñen sumar ao traslado da Oficina que o grupo executara hai uns meses.
A manifestación, convocada polo comité de empresa, saíu das portas de Noa pouco despois das sete e rematou diante da Casa do Concello de Fene onde procedeu á lectura dun manifesto, no que traballadoras e traballadoras quixeron agradecer a solidariedade da veciñanza nas mobilizacións en defensa dos empregos e da actividade produtiva, "nunha comarca necesitada de postos de traballo e industrias".
O persoal denunciou que Grupo Malasa mercou Noa en 2018 co obxectivo de quedar coa súa carteira de clientes e eliminar competencia "e tiveron moi claro desde o primeiro momento que tiñan que desfacerse da maior parte de nós e impor as súas condicións á pouca xente que quedase na empresa. É o que levan tentando desde o principio".
Lembraron que foi a resposta contundente das traballadoras e traballadores a que logrou frear o ERE que Malasa pretendeu impor nada máis adquirir a empresa e o recorte de condicións que buscaba implantar. Agora, despois de iniciar un proceso de desmantelamento paulatino das instalacións, aproveitándose do estado de alarma que limitou en grande medida a capacidade de resposta, Malasa presenta un ERE para preto de 70 empregados/as e un ERTE de 15 meses de duración para o resto do persoal, alegando todo tipo de causas "que en ningún momento, dende que se iniciaron as negociacións dos expedientes, foron quen de demostrar".
"Malasa argumenta supostas perdas económicas cando é un grupo que amorea beneficios e factura moitos millóns de euros; fala da ineficiencia das nosas instalacións cando eles mesmos levan tempo desmantelando e trasladando a Cerceda; ou mesmo da suposta pouca cualificación dun persoal que levamos moitos anos traballando na empresa e que temos unha grande experiencia no que facemos”, expuxeron.
Dende a representación social tamén se criticou que o Goberno de Feixoo teña posto como exemplo de compromiso o Grupo Malasa, cando vén de despedir a preto de 70 persoas "alegando mentiras", cando obrigou ilegalmente os traballadores/as a coller vacacións ao inicio da pandemia, coaccionándoos "e facendo o posíbel por amedrentarnos para que deixásemos de pelexar polos nosos dereitos", ou cando pretende recortar os dereitos e condicións "para seguir amoreando millóns de euros de beneficios".
"O único compromiso de Malasa, aseveraron, é coa idea de que o seu persoal ten que ser dócil e mal pagado e de manter a precariedade e de incumprir sistematicamente a lexislación laboral máis básica". Fronte a isto, as traballadoras e os traballadores de Noa sinalaron que ela e eles si son un exemplo de compromiso "na defensa dos nosos dereitos, do emprego e co futuro das nosas familias e desta comarca tan maltratada na que vivimos e na que queremos seguir vivindo".