Centos de persoas concentráronse no Hospital de Valdeorras en demanda unha sanidade pública próxima e de calidade

Na protesta, convocada pola CIG-Saúde, denunciouse a falta de persoal e o retroceso na carteira de servizos
O Barco - 16 Mai 2025

Centos de persoas sumáronse na tarde deste xoves á concentración convocada pola CIG-Saúde diante do Hospital de Valdeorras en demanda dunha sanidade pública de calidade e próxima. A central nacionalista acordou impulsar esta mobilización “pola imperiosa necesidade de defender os nosos servizos sanitarios, o noso dereito á protección da saúde e, en definitiva, as nosas posibilidades de sobrevivir dignamente”.

Así se subliñou no manifesto lido ao remate da concentración no que se denunciou o grave desmantelamento sufrido polo Hospital de Valdeorras dende a creación das estruturas de xestión integrada no ano 2010 e a centralización de recursos humanos e orzamentarios nos centros hospitalarios de Ourense.  

As políticas de recortes e privatización aplicadas polos Gobernos do PP na Xunta levaron os hospitais comarcais a perder autonomía e capacidade de decisión. “Se había que recortar recortábase en Valdeorras, se facían falta especialistas noutro sitio sacábanselle a Valdeorras e Valdeorras comezou a perder servizos baseándose unhas veces na optimización de recursos ou na falta de especialistas que quixeran vir”.

Recorte brutal do cadro de persoal

Para evidenciar a perda de calidade asistencial na comarca, a CIG-Saúde lembrou que no 2011 figuraban como cadro básico do hospital 401 persoas traballadoras. Ademais “estaban contratadas de modo permanente 9 profesionais e tamén contaba con empresas concertadas como a de limpeza e seguridade”. Daquel, o centro ofrecía unha completa carteira de servizos e contaba cun servizo de admisións propio “para xestionar nós a nosa lista de espera”.

Do total de persoal, 272 era persoal sanitario asistencial mais de admisión e deste 62 eran facultativos/as médicos/as e existían prazas de xefatura en numerosas especialidades. O persoal sanitario non facultativo estaba formado por 210 persoas.

Porén, segundo os datos trasladados pola propia administración, en decembro de 2024 no hospital de Valdeorras había 67 prazas orzadas, das cales 22 están sen ocupar; “é dicir, que falta 1 de cada 3 especialistas”.

Lista de agarda moi superior á media galega

As últimas noticias sobre listas de espera estiman unha media  de 112,9 días de agarda para consultas, moi superior á do CHUO con 87,3 días ou á de Verín con 43,2 días, e afastada da media galega que está en 60,8 días. “E que temos 3.068 persoas esperando por unha consulta, e máis de 1.500 persoas esperando para unha proba diagnóstica”. Cifras que para a CIG-Saúde resultan totalmente inasumíbeis. “Fixeron daquel gran pequeno hospital, o peor hospital da provincia”.

Na concentración alertouse que o hospital non está dimensionado para as súas necesidades, nin ten os servizos adecuados ás necesidades da súa poboación de referencia. Como exemplo, a CIG-Saúde referiu que Valdeorras “é o epicentro da silicose non xa da Galiza senón do Estado español, mais o hospital non conta cun servizo de pneumoloxía nin cunha praza de pneumoloxía pese a ter xa catro prazas de Medicina Interna orzadas sen ocupar”.

Unha destas prazas, apuntan, podería estar ocupada por un ou unha pneumóloga. “Non é que non haxa especialista, é que non queren poñelo aquí, prefiren que vaiamos nós a Ourense, non lles importamos, e máis preferiron que o pneumólogo marchase a outro sistema sanitario antes que poñelo aquí. Iso pasa cando outras persoas deciden por ti e non te respectan”.

Ao esmorecemento do hospital súmase o deterioro da Atención Primaria, coa perda de persoal médico en Rubiá, O Bolo ou a Veiga ou a non cobertura de ausencias deixando incluso PAC sen cubrir. E a negativa a implementar na contorna unha base medicalizada do 061.

“Enfrontámonos á destrución programada do sistema sanitario en Valdeorras”, alertou a CIG-Saúde, referindo o aumento interminábel dos tempos de espera, o incremento dos desprazamentos a Ourense, ou no transvase á medicina privada de moitas persoas doentes “por falta de resposta na sanidade pública”. “Enfrontámonos á non adecuación dos recursos sanitarios ás necesidades. Temos motivo de sobra para a mobilización social, para a reivindicación, para a esixencia dos nosos dereitos”.