Centos de persoas, armadas con fregonas, maniféstanse por un convenio digno na limpeza coruñesa
O sector da limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña está en loita por un convenio digno. Tras tres xornadas de folga a patronal non deu nin un paso para avanzar nun acordo. Por iso, fronte á pretensión das empresas de confinalas na precariedade, as traballadoras –son na súa inmensa maioría mulleres- elevaron as súas fregonas amarelas, convertidas en símbolo de dignidade, para visibilizar así un traballo que se pretende que siga sendo invisible.
A manifestación, á que se sumou persoal dos servizos de limpeza da universidade e da Xunta, partiu do campus sur para rematar diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano. Antes de se iniciar a marcha, que atravesou as principais arterias de Compostela, as traballadoras concentráronse na rotonda na que se cruzan as rúas Rosalía de Castro con Mestre Mateo.
Durante todo o percorrido as súas demandas tornáronse clamor para exixir condicións laborais dignas e para denunciar a actitude dunha patronal xorda e insensible que leva anos e anos enriquecéndose a costa do seu duro, e inxustamente infravalorado, traballo. Tivo que chegar unha pandemia coa que aínda se enriqueceron máis as empresas do sector, para que o traballo de limpeza non só se fixera visible, senón mesmo se declarar esencial.
Por iso, no decurso da manifestación berraron a viva voz “Patrón que paga mal, parásito social”, “Traballo na limpeza e non chego a fin de mes”, “Estamos até a cona do caldeiro e da fregona” ou “Aquí está, aquí se ve, a limpadora galega en pé”.
Mobilización histórica
E é que, como lembrou o representante da CIG e portavoz do comité de folga, Paulo Rubido, ao remate da manifestación, esta folga e estas mobilizacións son as primeiras que protagoniza o sector en 30 anos. Por iso considerou que teñen un valor “histórico” e que “significa dicir que existimos, que o sector da limpeza existe e quen realizan este traballo son mulleres e homes en condicións de absoluta precariedade, a tempo parcial e cunhas condicións lamentables”.
Rubido fixo un chamamento a “non permitir que esta patronal, que neste último ano tivo un incremento espectacular na súa facturación, porque foi a encargada de realizar todas as desinfeccións, que incrementou o seu volume de negocio e que, polo tanto, non pode facer referencia a unha situación de crise, se plante nunha mesa de negociación e faltándonos ao respecto nos diga que a suba salarial do ano 2020 é do 0% e que digan que para que nos poidan subir o salario no ano 2021, teñamos que renunciar á xubilación parcial e ao dereito a incrementar xornada”.
Mobilización e loita
Rubido recoñeceu as dificultades que ten a loita sindical neste sector, “porque é difícil recuperar un sector despois de 30 anos”, mais considerou que “o camiño para poder facer que a loita sindical na limpeza avance é este, con dignidade, con loita, con convocatoria de folga e con unidade sindical e con posicións de firmeza na mesa”.
O portavoz do comité de folga lembrou que o 3 de xuño teñen presentado un conflito colectivo para pedir o cobro íntegro do plus de transporte aínda que se traballe a tempo parcial. Con todo, afirmou que “no van ser os xuíces os que nos van resolver o problema”. Lembrou que “temos que solucionalo nós” e asegurou que “só se consigue a través da loita sindical”.
Unha loita sindical á que apelou para conseguir un convenio colectivo e unhas condicións laborais que teñan “unha mínima decencia e unha mínima dignidade”. Por iso adiantou que, se despois do 3 de xuño non hai un cambio na actitude da patronal, as centrais sindicais continuarán convocando mobilizacións e accións de protesta ate´que se recoñezan os dereitos das traballadoras e traballadores do sector.