Catalunya: 10 respostas sobre a Declaración de Independencia

Jordi Graupera - 09 Out 2017

O que pasou o día 1 de outubro é a derrota do Estado como ferramenta de control do territorio e a vitoria do exercicio da democracia. Por iso a xente protexía as urnas en lugar de buscar a foto simbólica da policía retirándoas, como sempre se dixo que había que facer. É o paso do simbolismo aos feitos

  1. Lexitimidade legal

 A Declaración de Independencia é perfectamente lexítima e non é contraria ao dereito internacional. Para esta lexitimidade, temos tres cadeados. O primeiro, cronoloxicamente, é o Parlament: unha Declaración de Independencia declarada a partir dunha maioría parlamentaria non é contraria ao dereito internacional. O segundo, a represión: a represión previa e, máis visibelmente, a do 1 de outubro, isto é, a vulneración sistemática e deliberada dos dereitos fundamentais e, ademais, sen seguir os procedementos de coacción establecidos no ordenamento xurídico español, sobre a que non temos ningún indicio de que se vaia deter, lexitima a secesión por ela mesma. Así, se ninguén puidese votar, canto máis alta a represión, máis lexítima a secesión. O terceiro cadeado é o resultado do referendo, aínda máis baixo represión: se normalmente un mínimo de participación non é esixíbel nin ao 'si' nin ao 'non', para evitar que a abstención se sume a un bando de xeito inxusto, no noso contexto é imposíbel saber que tanto por cento hai de abstención e que tanto por cento hai de represión.

  1. Lexitimidade popular

 O resultado é inapelábel por dúas razóns máis. A primeira é que a poboación defendeu as urnas e saíu adiante. O Estado prohibira a materialización do referendo e intentou paralo porque a pesar do discurso legalista, o acto nel mesmo é lexitimador. A vitoria da liturxia democrática ante a acción do Estado é unha lexitimación popular sen paliativos. En segundo lugar, porque a vitoria do 'si' é incontestábel e indica unha maioría suficiente de dereito, segundo a lei aprobada no Parlament e as recomendacións internacionais, e tamén de feito. Lembrade que mesmo nun referendo normal, faría falta unha participación do 78% e que todos os votos novos fosen ao 'non' co fin de empatar co resultado do 'si'. A participación do 27-S foi do 77% e os partidos que chamaron á non participación no 1-O representan o 39% do voto naquelas eleccións. Os contrarios á independencia, ademais, non están organizados politicamente de xeito que poidan mostrar se a súa forza é tal ou non. A abstención non é lexitimamente atribuíbel a ninguén, igual que as razóns de cada un para ir votar ou non ir votar son privadas e non xogan ningún rol na lexitimación. En resumo, as opinións dos partidarios do 'non' non poden prevalecer sobre as do 'si' en nome da represión, a abstención ou o voto contado.

 Se alguén quere facer efectiva outra solución ten que se organizar politicamente e conseguir facer efectiva a súa proposta democraticamente. A carga de proba estaría no 'non'; non é o 'si' quen ten que se facer cargo da represión.

 Finalmente, o compromiso do Parlament é aplicar o resultado do referendo. Este compromiso implica dúas cousas. A primeira, que esta é unha decisión que os representantes non poden tomar. A idea de fondo do referendo é que se trata dunha decisión que non se pode delegar, senón que a ten que tomar o electorado. Por este motivo, os representantes, sobre todo os que aprobaron a lei do referendo, teñen o deber de cumprir a lei. Unha cousa é desobedecer a interpretación da lei española que fai o Estado, co fin de protexer uns dereitos que se vulneraron, e que xustamente está na cerna da apelación á autodeterminación: cando te autodeterminas estás dicindo que a Constitución contén un mecanismo que fai imposíbel a protección da minoría e, polo tanto, autodetermínaste para te liberar. Pero as leis que, apelando a este dereito, fas ti mesmo, estas telas que cumprir ou corres o risco de perder todo o poder que tes, que provén do vínculo entre formalización parlamentaria e aquiescencia popular. Tamén implica remachar a garantía dos dereitos que o pobo exerceu o domingo protexendo as urnas, sabedor de que contiñan a soberanía última. Ignoralo é desprotexer de novo estes dereitos básicos e entregar os votos contados á policía. E para rematar, senta un precedente no interior do país e no exterior que é inadmisíbel, isto é, que os gobernantes poden baleirar de contido os dereitos e infrinxir as leis que eles mesmos aprobaron co fin de negociar co que o referendo concluíu. É xustamente por esta carencia de límites e a ausencia de mínimas garantías, tanto con respecto a dereitos como a pactos, que España foi incapaz de encamiñar o problema territorial e erra en tantos outros. É, noutras palabras, a razón principal para querer a independencia.

  1. Posibilidade de aguantar sen a Declaración de Independencia

 En ausencia de Declaración de Independencia, a represión do Estado non terá ningún límite nin incentivo para parar, especialmente de cara ás institucións catalás, os líderes políticos e sociais e, directamente, a xente que tenta defendelos lexitimamente. Nada do que fixo o Estado, nada do que dixeron El Rei, presidente, ministro de Exteriores, xuíces, fiscais e líderes parlamentarios que fan posíbel o goberno de Madrid (PP, Cs e PSOE) e nada do que está dicindo a prensa que puido derribar transitoriamente a Pedro Sánchez para investir a Rajoy (bloqueado nunhas segundas eleccións por mor da negativa a aceptar un referendo), non indica senón que a vía que se comprometeron a tomar é a de continuar coa represión e baleiramento das institucións catalás e da xente que defenda os seus dereitos lexítimos contra a opinión de todas estas voces. O problema que din afrontar é o do exceso de Catalunya, non o exceso do Estado: o máximo que están dispostos a alcanzar, e por razóns de relacións públicas, é calibrar cantos graos menos de violencia policial fosen máis desexábeis para obter o mesmo ou un mellor resultado. Substituír a Declaración por unhas eleccións non soluciona senón que agrava o problema da represión e malgasta toda a credibilidade internacional acumulada o domingo grazas á xente. A credibilidade non é apoio, pero é esencial. Substituír a Declaración por unha resolución sen efectos ou con efectos retardados é aínda peor, porque desafía abertamente o Estado no plano que este utiliza para reprimir a institucións, líderes e xente, pero non dá ningún instrumento ás institucións catalás para protexer os dereitos de todo o mundo. Deixa o país indefenso por causa dunha ameaza e, ao facelo, acaba facendo a ameaza real.

  1. Posibilidade de aguantar: medidas concretas que necesita a Declaración

 Toda independencia é por fases. A primeira fase é a Declaración de Independencia: facer saber ao mundo que te consideras un suxeito político soberano nel e que te dispós a darte leis. Co fin de facela efectiva, o máis inmediatamente necesario son: diñeiro, orde pública e xustiza independente. Iso quere dicir un crédito para facer a transición mentres a Facenda catalá se pon en funcionamento: cousa que depende da credibilidade que teñas. Canto máis críbel es, máis dispostos a escoitar están os que te poden financiar. Unha Catalunya independente é un caramelo, economicamente. Mais a súa posición xeográfica faina aínda máis apetecíbel estratexicamente. Calquera baleiro de poder nun lugar como Catalunya, co peso de Barcelona, será inmediatamente ocupado polo mellor postor. Canto máis críbel sexas, máis forza negociadora terás ante os postores. O financiamento, se non está xa prepactado, é unha función da credibilidade.

 Con respecto á orde e á xustiza, iso é falar dos Mossos d'Esquadra e a aplicación da lei de transitoriedade con respecto ao poder xudicial, polo menos na súa independencia. Necesitas poder darlles aos Mossos ordes inequívocas sobre a protección dos dereitos da poboación ante o intento persistente de represión por parte do Estado. Chegará un momento en que haberá que facer evidente que a represión do Estado é inútil e iso quere dicir, como o domingo, resistir a partir de accións de resistencia pacífica multitudinarias para protexer as institucións, pero cos Mossos protexendo a poboación. Como vimos o domingo, existe un número a partir do que a acción policial é imposíbel e vimos o límite do que a policía dun Estado da UE pode facer, unha vez traspasado o sentido común e as leis, sen ser inmediatamente excluído da comunidade de países civilizados. Non teño ningunha dúbida de que hai quen querería ir máis aló e que se non o fan é porque non poden. A Declaración non cambiará o nivel de represión respecto da non declaración, mais reforzará a lexitimidade e os instrumentos para evitala.

  1. Resposta do Estado español

 Vista a historia e os discursos dos líderes do Estado, témonos que preguntar se España fará uso do Exército. O primeiro que hai que dicir é que se este é o argumento de fondo que utilizan algúns dos representantes comprometidos co referendo, fai falta que o digan claro e publicamente. Fai falta que digan que non podemos ser independentes porque senón, España enviaranos o Exército e fará uso del para reprimirnos. E fai falta que digan desde cando pensan así ou se é que cambiaron de opinión nos últimos días e por que. E fai falta que digan tamén, con igual coraxe, que propoñen para un país que obedece un ordenamento xurídico só porque, senón, lle envían o Exército. A autodeterminación é a hora da verdade e, polo tanto, é esixíbel que todo o mundo diga como a ve. Apelar a vagas ameazas, aproveitando que a xente ten máis a man imaxinar a represión, porque a viviu ou porque resucitou a memoria familiar e social, que imaxinar que pasos hai que seguir en cada momento, é intentar facer uso do medo abstracto para perseguir obxectivos políticos nunca explicitados, coa esperanza de que un se salvará da queima.

 Dito isto, coido que o Estado ten dúas últimas cartas para utilizar. A penúltima é vestir El Rei de xeneral e facer ostentación de aparello militar en Catalunya. Sería o intento de dar o máximo medo dispoñíbel para nos convencer de non facer nada. Supoñendo que cedésemos, tanto nós como o Estado estariamos nunha situación insostíbel de ocupación, e a represión dos líderes políticos e sociais sería exactamente igual que en todos os escenarios. Se non cedésemos, en modo revolución de Praga, é dicir, con resistencia pacífica, a primeira parte da partida acabaríase, dado que o Estado chegaría ao seu límite e Catalunya sería ingobernábel. Aí é onde empezarían as negociacións, dado que resulta imposíbel gobernar Catalunya se o conflito é o dunha serie de burócratas con soldados na rúa e unha poboación disposta a non obedecer as cousas concretas de cada día. Iso sen contar con que a sociedade española ten un elevado tanto por cento que non está disposto a aceptar unha situación como esta: o impacto sería en todos os partidos, incluído o PP. A ocupación militar só pode funcionar como show, para impoñer un estado de medo universal. Na España de hoxe, a diferenza da URSS dos 60 (Praga) ou a España do 36, non se dan as condicións sociais, políticas, internacionais, educativas e económicas que fan posíbel a acción militar a gran escala.

 A última carta que ten España é aceptar un referendo pactado. Esta situación só se dará cando o vexan moi perdido e só cando a comunidade internacional o pida (xa o empezou a facer), en pinza cos partidos españois escandalizados pola resposta do PP, que cada vez serán máis. Con algunhas condicións concretas -desintervención da Generalitat, retirada de policía e Exército (se o hai), observación europea, liberdade de expresión e información, retirada de cargos contra líderes cataláns, compromiso de non vetar a pertenza catalá á UE se gaña o 'si' e non anulación da Declaración…- pódese aceptar. A cambio, mentres duran as negociacións e o referendo, as medidas concretas que se derivan da aplicación da Declaración pódense deixar en suspenso. Deste xeito, un asegura de que en caso de vulneración dos dereitos fundamentais, a Declaración continúa vixente e a súa aplicación concreta se reactiva automaticamente.

  1. Resposta da comunidade internacional

 As relacións internacionais réxense –simplificando- por tres grandes principios: custo-beneficio, límites materiais e cultura política. Mentres enfrontarse a Rajoy sexa máis custoso que apoialo é moi difícil que a comunidade internacional faga algo máis do que está facendo. A clave está en que reprimir os cataláns sexa polo menos tan custoso como se enfrontar a Rajoy. Por iso, as cargas policiais do 1-O non son un erro de relacións públicas do Estado, senón unha mensaxe ben clara: estamos dispostos a facer o que faga falta. É dicir, o Estado renunciou aos dous principios que chamei "límites materiais" e "cultura política" co fin de reforzar o primeiro. Iso, está claro, non sae gratis para a cultura política española e supón unha acción moi arriscada en termos materiais, dado que España non pode cumprir as súas ameazas sen partirse por dentro en todo o territorio.

 A perda da cultura política vese na reacción de toda a prensa internacional de prestixio que, mesmo se merca as teses de fondo de Rajoy, xa pon o referendo pactado como límite: non se pode gobernar unha rexión pola forza na Europa occidental. Cando digo que non se pode, non quero dicir moralmente, quero dicir facticamente. Para ilustrar: o reparto secreto de miles de urnas por todo o territorio, involucrando a miles de persoas sen que os servizos secretos tivesen a máis mínima idea do que se estaba cocendo baixo os seus narices, nun momento histórico en que agochar calquera cousa é practicamente imposíbel, é a constatación de que os límites materiais da represión son moi reais e esixentes. O que pasou o día 1 de outubro é a derrota do Estado como ferramenta de control do territorio e a vitoria do exercicio da democracia. Por iso a xente protexía as urnas en lugar de buscar a foto simbólica da policía retirándoas, como sempre se dixo que había que facer. É o paso do simbolismo aos feitos.

 A fin de que a comunidade internacional reaccione publicamente (privadamente xa o está facendo: as canles diplomáticas soft están tratando de abrir negociacións, pero polo de agora os interlocutores españois néganse a participar, cousa que lles vai restando lexitimidade e coloca as ofertas de mediación -como a de Suíza- en posición de vantaxe no caso de que Catalunya siga adiante, co fin de operar con facilidade: as canles con Catalunya están abertas), a fin de que haxa unha intervención política significativa, Catalunya ten que xogar nas tres frontes mencionadas ao principio desta epígrafe. En custo-beneficio, pódense facer tres cosas: unha Declaración de Independencia, resistencia pacífica e choque de mercados. As tres son necesarias. Coa Declaración, emítese a mensaxe de que se está disposto a facer o que a súa lei esixe e ofrece credibilidade, que é chave para que alguén, tanto política como financeiramente, se implique. A segunda indica que a poboación non se deixará reprimir sen revirarse pacificamente e, polo tanto, que o custo de reprimir é moi alto, porque non é suficiente con ameazar. A terceira vía, por exemplo, como se dixo estes días, folgas xerais e retirada de depósitos dos bancos que participan na intervención da Generalitat, implica estender os custos da represión por todos os mercados europeos, fondamente interconectados e onde Barcelona non xoga un papel central, mais ocupa un lugar o bastante determinante na cadea para xerar problemas.

 Con respecto aos límites materiais, a Declaración de Independencia ponos en evidencia. Pon de manifesto que a fantasía de gobernar Catalunya por ocupación é un farol que non se pode cumprir se a xente non o acepta. O momento histórico non o fai posíbel porque non existe a marxe que había nos anos 30 ou durante a primeira metade da Guerra Fría, até 1960 (cando o FMI entra en España e modera o réxime). Non se dan as desigualdades que existían daquela e o poder xa non depende da terra: os poderosos xa non son latifundistas, como se ve nos escándalos de corrupción que se derivan das subvencións que os grandes terratenentes necesitan de Europa para manter o seu status. Mentres non existiron aeroportos e móbiles, é dicir, mentres Castela estaba pechada e necesitaba controlar as nacións da costa para sobrevivir economicamente e a información estaba centralizada en medios controlados polo goberno, a supervivencia do poder central e da súa poboación dependían do control das zonas díscolas produtivas. Agora, o poder de Madrid aínda depende de afogar as relacións entre València, Barcelona e Marsella, pero a supervivencia económica da poboación xa non. Ao contrario: este afogo prexudícaos enormemente, como se ve no proceso de drenaxe da poboación das provincias castelás en favor da Brasilia da Meseta que é Madrid. En España existe unha clase media o bastante robusta para ter os valores propios das democracias occidentais e para ter máis cousas que perder coa violencia que cousas que gañar. Estes límites materiais son comúns en Europa e incentivan a intervención na mesma medida que desincentivan a violencia.

 Finalmente, a cultura política europea, a pesar do cinismo da Comisión (onde o PP colocou a actores nos cadros intermedios desde hai anos), tamén marca un límite. As reaccións de certos parlamentos e eurodeputados é só a consecuencia lóxica da súa cultura política: hai silencios que pasan factura electoral. Por iso, os primeiros foron países pequenos e con tradición de resistencia ao fascismo. Os países grandes, máis cegos á discriminación de minorías nacionais e máis afeitos ao cinismo do custo-beneficio hobbesiano da esfera internacional, só notarán este custo se España segue renunciando a traballar este flanco. Estes días parece que o estean intentando, pero non está funcionando.

 Unha Declaración de Independencia que sexa ao mesmo tempo inequívoca e que se abra á negociación sen matices emite ao mesmo tempo a mensaxe de credibilidade necesaria para activar a comunidade internacional e o vocabulario propio desta cultura política común. Iso non quere dicir que haxa apoio ou recoñecemento: a autodeterminación sempre se exerce contra o statu quo e, polo tanto, sempre en oposición aos poderes existentes. Se non estás disposto a que sexa así, non te autodeterminas. Mais unha mensaxe que non sexa hostil bota a semente para as conversas necesarias. A primeira reacción sempre será negativa, como ensinan todos os casos de secesión co Estado hóspede en posición hostil. A resposta a esta reacción, se é firme e aberta, é o que vai facendo posible unha canle cultural para o recoñecemento entre adultos.

 En resumo, sen Declaración de Independencia, nin hai negociación con España nin hai reacción da comunidade internacional.

  1. Porque a Declaración protexe a poboación

 A estas alturas do xogo xa sabemos que a xente sairá a defender ás institucións e que o obxectivo do Estado é baleiralas de contido e mesmo de presenza. A análise do xefe do Estado, o presidente do Goberno, os seus ministros e a prensa que teñen traballando para eles, non é que o Estado se excedese e que ten que sentar a dialogar o papel de Catalunya en España, senón que é o contrario: España foi demasiado tempo excesivamente comprensiva coa chantaxe catalá e Catalunya excedeuse. Mesmo a resistencia pacífica do día 1 de outubro e a pasividade dos Mossos é vista como unha agresión ás forzas de seguridade do Estado.

 O procesamento de Trapero e de Sànchez e Cuixart por procurar que as concentracións do día 20 de setembro diante da Consellaría de Economía non acabasen en violencia, coa acusación de sedición (que pode significar 15 anos de prisión), é o signo inequívoco de que a solución que ven ao problema é a desaparición da andamiaxe civil e política que expresa a vontade de se autogobernar. Os shows destes días están destinados a provocar o máximo medo posíbel e coa esperanza de que haberá rendición. Se funciona, entenderían que a estratexia é atinada e polo tanto aplicarana ata o final. Se non defendes os dereitos que se protexeron o 1 de outubro, por que terías que defender cousas menores que vaian pasando aos poucos e sen tanta espectacularidade? Renunciando, dáslles a razón. É moi perigoso e irresponsábel erosionar a credibilidade gañada o 1 de outubro e iso condena a España a ser vítima de todos os excesos que se permitiu estes días. A situación de España non quedará igual que antes do 1-O, pasar o que pasar. O statu quo non volverá e o único minimamente responsábel que podes facer é intentar que o cambio sexa a mellor e non a peor.

 A fantasía de que renunciando á Declaración provocarás que España se modere é perigosa porque deixa a Catalunya e a súa poboación en mans da represión e unha intensificación da discriminación. E como a situación se envelenará en todo o Estado, en pouco tempo esta represión estenderase a todo o Estado. Como os líderes públicos e privados do Estado descubrirían que o seu autoritarismo non ten ninguén que o free, dado que Catalunya era o único que o podía frear e que o freou, a vía libre que lerán na renuncia ameaza de converter España nun barril de pólvora. Dito doutro xeito, se realmente pensas que España está preparada psicolóxica e materialmente para a violencia (máis aló do que vimos o 1-O, que fracasou, e que camiña xusto alén do que é aceptábel, pero non moito máis), iso non cambiará porque non declares a independencia, senón que o incentivará nos conflitos que virán, que non serán poucos.

 En troca, unha Declaración de Independencia convértete nun actor no conflito con todos os atributos expresados e defendidos o 1-O e permíteche defenderte no conflito, moral e materialmente. E emite a mensaxe de que a ameaza e o medo son insuficientes, o que coloca os gurús do Estado nunha posición de debilidade interna e dá ás á España democrática.

 En termos concretos, as institucións catalás necesitan poder dar pasos para se protexeren e para protexer a poboación. É dicir, se España responde co 155 (que xa se está aplicando informalmente, pero que fai falta unha Declaración a fin de que o faga politicamente explícito no Senado e, polo tanto, abre a porta á oposición para presentar a outra cara de España), a Generalitat ten que poder responder que non se pode aplicar legalmente porque o ordenamento xurídico e institucional catalán xa non está subordinado ás decisións da maioría no Senado, que é do PP e do PSOE.

 Do mesmo xeito, a poboación catalá necesita que a xudicatura sexa independente do poder español, que a utilizou para traspasar os límites do Estado de dereito e a Constitución. Iso quere dicir aplicar a lei de transitoriedade que esixe o cambio no vértice da xerarquía xudicial. Iso será difícil e por fases, pero a simple presenza dunha cobertura xurídica, por medio da Declaración, fai viábel o primeiro paso, pola contra imposíbel. O mesmo pasa cos Mossos: xa sabemos que hai mossos que son e serán leais ao ordenamento español. Pero tamén sabemos que hai moitos mossos que están dispostos a obedecer a legalidade catalá se esta existe e é críbel. No medio, hainos que acabarán acatando o que os tempos históricos marquen. Dado que necesitas poder dar instrucións para defender a poboación que se manifesta pacificamente e en defensa das institucións, para evitar o secuestro do Govern e o Parlament, faiche falta unha cobertura formal e críbel a que os Mossos poidan apelar para cumprir as ordes. A desobediencia dalgúns mossos ten que ser a título individual e non xurídico ou político. Se iso ocorre, hai que dar vía libre aos mossos que desobedezan para se incorporaren aos corpos de seguridade españois.

 Evidentemente, hai un momento en que o president debe informar a Millo de que a autoridade española xa non ten o monopolio da violencia en Catalunya e que os gardas civís e policías nacionais, moitos dos cales xa teñen que pasar as noites fóra de Catalunya porque a poboación os expulsa pacificamente, ou dormen en barcos mal acondicionados e fóra das murallas da cidade, para entendernos, non poden volver pisar o país sen a autorización do Parlament. Esta situación non é a dos Mossos enfrontándose á Garda Civil, senón a dos políticos tentando gañar a opinión pública interna e externa. Entrementres, as mobilizacións pacíficas en defensa das institucións fanse cada vez máis seguras e efectivas.

 A fin de que iso sexa posíbel fai falta que a Declaración sexa críbel e inequívoca, hai que facer uso dos instrumentos con intelixencia e paciencia e non hai que alimentar a idea de que se trata dun farol, que é o que as entrevistas dalgúns líderes do catalanismo nestes últimos días provocaron por todas as partes.

  1. Porque unha Declaración a medias é a peor opción

 De todos os escenarios posíbeis, o peor é unha Declaración de Independencia a medias: é o peor de ambos os mundos. Dá ao Estado o argumento para intervir e aplicar o Código Penal e a represión, pero non ofrece instrumentos á Generalitat para poder dar instrucións con cobertura legal e deixa a xente e as institucións desprotexidas. Se non se fai a Declaración, é mellor explicar a verdade tal como a verían os representantes: non se pode porque virá o Exército. Neste caso, faise explícito o medo e ponse de manifesto cal é a situación do país, que a xente ten dereito a coñecer. Iso non freará a intervención ou a represión, pero polo menos teremos información clara sobre o que pensan os representantes, que son as nosas institucións e como se ve o pobo desde arriba, como dicía Maquiavelo.

  1. Todas as opcións, logo da Declaración

 No corazón do soberanismo está a convición de que cando a sociedade catalá chega a consensos, estes son aceptados pola inmensa maioría. As cuestións complexas que nos afectan -a lingua, a diversidade, o terrorismo, a ecoloxía, a desigualdade, a postindustrialización, a globalización...- teñen tantas voces diferentes e contraditorias como propostas pragmáticas que son respectadas pola gran maioría como lexítimas. Este tipo de consensos son os que se contradín cando o Estado os regula. O corazón do autogoberno é a garantía de que os consensos serán respectados. Hoxe non o son. A violencia policial do 1 de outubro é a consecuencia directa desta falta de garantías. E o discurso independentista sinalou esta carencia como a tradución política e xurídica do conflito histórico. Discursivamente, ocupou o centro da escena, por diante do déficit fiscal e cuestións de identidade.

 Iso quere dicir que nun contexto constituínte, todas as opcións permanecen abertas. A correlación de voces no interior do país, que é diversa e contraditoria, expresarase custar o que custar, a diferenza de agora. Iso inclúe a cuestión nacional. Despois dunha Declaración de Independencia, inmediatamente dan en lexitimarse todas as propostas democráticas. Nada impide un referendo de ratificación ao que as liberdades sexan restauradas. O unionismo terá a oportunidade de se organizar politicamente, unha vez desligado da estratexia que os xefes de Madrid deseñaron estes anos. De feito, é a probabilidade de éxito máis alta de que dispoñen tanto o federalismo como a independencia.

 Mentres non hai Declaración, ningunha opción está aberta. Só a que se defendeu coa policía. Iso, separadamente de ilexítimo, coloca o unionismo catalán en posición de morte civil. Xa o estamos vendo nas declaracións públicas de líderes e opinadores. A xustificación da represión é o paso previo a poder dicir algo, pero entón todo o que se di é irrelevante: podería ser calquera cousa. O discurso moderno e cosmopolita que se tratou de construír durante 40 anos e a versión habermasiana que Josep Piqué e Duran i Lleida tentaron introducir no PP, quedaron totalmente esnaquizados estes días, así como o prestixio dos novos políticos do PP e de Ciudadanos en Catalunya. Aínda que o Estado as colocase no poder, nin Inés Arrimadas nin Andrea Levy poderían gobernar nin manter o mínimo respecto público que dá sentido á acción política.

 Unha cousa que se di pouco é que a mellor oportunidade que tiña o unionismo a medio prazo para gobernar Catalunya era a dun referendo pactado. Os dereitos conquistados o domingo son os que fan posíbeis todas as opcións en Catalunya. A súa renuncia clausúraas todas.

  1. Coda: cambio de psicoloxía

 O momento chave do 1 de outubro é cando a xente decidiu defender as urnas en lugar de se contentar coa foto da policía retirándoas, que é o que hai anos se dicía que significaría a derrota do Estado. Intuitivamente, todos entendemos que a soberanía existía dentro da urna mentres a urna se mantivese en pé. E cando digo soberanía, quero dicir a garantía dos dereitos. Fálase pouco do feito de que a xente foi aos colexios sen parafernalia política, como se pediu. A defensa das urnas era a defensa da súa lexitimidade. A quen interesaba o xogo limpo era ao independentismo e había que protexelo de verdade, non só simbolicamente, cos instrumentos que a democracia propón: a resistencia pacífica pero irrenunciábel. Había moito medo, eu tíveno e vino, e chorei con xente que non coñecía. Por iso a súa superación foi real e non simbólica.

 A cultura política catalá baséase no camaleón. Os políticos cataláns son a quintaesencia desta cultura, por iso prosperan os que sobresaen, mesturados con xente máis nova, que ascendeu no novo contexto, e xente con memoria que saíu do ostracismo. Somos expertos en nos adaptar ao interlocutor, sobre todo se percibimos que explícita ou implicitamente ten poder de veto sobre os nosos asuntos privados.

 Estes días vímolo xente que explica como tal amigo ou amiga, e por extrapolación, a maioría da poboación, que non era independentista e reaccionou ante a represión, non apoiará a Declaración, como non apoiou inicialmente o referendo. É unha posición importante para o futuro do país, pero esixe mobilización e cuantificación: esixe gañar o dereito a decidir o momento do país. O único poder de veto que é aceptábel xa non pode ser a presenza da policía, iso xa o invalidamos o domingo. Esixe a construción dunha alternativa política que se faga cargo da realidade tal como a vimos e estivemos avisando de que existía. A garantía dos dereitos conquistada no exercicio do dereito á autodeterminación esixe que se respecte a lexitimidade e que a alternativa se constrúa sen a policía vixiando o adversario. Non é razoábel pedir a repetición do mecanismo de decisión coas garantías que o Estado español dá, que son nulas, nin a substitución da soberanía por un cambio de goberno en España, cando vimos que ante o autoritarismo do xefe do Estado e do presidente do Goberno, as institucións democráticas españolas non foron capaces de frealo ou colaboraron con entusiasmo. Dentro do Estado español non existen garantías.

 O cambio psicolóxico que se produciu este último mes ten que ver coa comprensión de que as decisións políticas que se toman en Catalunya importan e non poden ser vendidas ou reprimidas por uns ou outros. Por primeira vez, as institucións catalás e o pobo ao que representan estiveron ante decisións reais, con consecuencias reais, en lugar de pequenos acentos sobre o marco español, pola vía de apertar e renunciar sen asumir ningunha responsabilidade. E así poder continuar co vitimismo.

 O día 1 de outubro, moita xente deixou de verse como a vítima que ten razón e empezou a verse como unha persoa responsábel das súas razóns e eleccións. A incerteza e a dilación destes días, as mensaxes pouco claras e torpes, a énfase na violencia en lugar da énfase na vitoria da democracia e o corifeo dos poderes fácticos son fillos da psicoloxía que morreu o día 1 de outubro. A Declaración é o resumo deste cambio.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán El Nacional, do 8 de outubro de 2017]