Carrís Hoteles aplicará un novo ERTE para todo o persoal do Hotel Almirante de Ferrol
A CIG ten convocada unha concentración para o próximo 4 de maio diante do Hotel Almirante de Ferrol, ás 11:00 horas, en protesta pola decisión da empresa, Carrís Hoteles, de volve aplicar un ERTE para todo o persoal, esta vez durante todo un ano, até abril de 2023.
No período de consultas do ERTE, que foi rexeitado pola representación do persoal, a empresa alegou que o hotel se atopa en condicións moi precarias debido a unha avaría no sistema de saneamento de augas fecais da Praza de España (avaría que é responsabilidade do Concello de Ferrol), "chegando a dicir nos medios que era o principal motivo da non reapertura do centro, cando as traballadoras e traballadores saben ben o motivo real".
"Cónstanos que a día de hoxe o problema non é a avaría, posto que xa leva meses reparada, senón que o que restaría por facer son as tarefas de limpeza e reparación das máquinas danadas (bomba de achique, grupo electróxeno, etc.), das cales ademais tería que facerse cargo o Concello de Ferrol, nin tan sequera a empresa", explica Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol.
Carrís Hoteles tamén asegurou publicamente que tiñn o booking online aberto para poder medir a demanda existente e que tivérono que pechar, "cando é totalmente falsa dita afirmación. Até por dúas veces durante o período de consultas foi consultado o acceso ao booking online para tratar de facer reservas na mesma reunión, comprobando ámbalas veces que resultaba imposible poder reservar habitación. Logo mantiveron as reservas online abertas durante uns días, pero a uns prezos totalmente fóra de mercado e do habitual no establecemento", subliña Fernández, engadindo que a día de hoxe as reservas están pechadas.
A empresa, máis preocupada por manter outros negocios
A CIG-Servizos advirte da pouca intención da empresa Carrís Hoteles para pór en funcionamento o hotel ferrolá, "máis preocupada polo sostemento do resto de negocios que ten no país e no estranxeiro que por darlle unha oportunidade ao Almirante, dando a amarga sensación de que non amosan interese algún polo hotel máis emblemático e simbólico da comarca". Hai que salientar que o persoal deste centro de traballo ten antigüidades "que se miden por décadas" e a maioría dos traballadores e traballadoras xa prestaban servizos neste establecemento antes da entrada de Carrís e das súas prácticas especuladoras.
Para a CIG-Servizos de Ferrol, esta actuación de Carrís Hoteis evidencia que non ten intención de reabrir o Almirante, e con este novo ERTE busca quitar de diante o cadro de persoal mentres non se resolven os litixios que ten abertos co propietario do inmoble.
Sobre a duración do ERTE, até abril de 2023, a empresa alegou que non se pode garantir que se dean antes as condicións necesarias para poder reabrir. Argumento que, apunta Xabier Rodríguez, a CIG non considera válido, pois "a situación óptima de reapertura haina que buscar e sobre todo querer atopala, poñendo medios para a reanudación da actividade á maior brevidade posible non permitindo que avance o deterioro e comezando a rehabilitar as instalacións danadas pola avaría. Está claro que se ese proceso non comeza nunca se darán as condicións no inmoble que permitan a reapertura".
O persoal xa estivo afectado por outros ERTE
Hai que lembrar que o persoal xa estivo afectado por outros ERTE anteriores a este, motivados pola situación de pandemia, que duraron dende o comezo do estado de alarma, permanecendo aberto posteriormente o hotel para cubrir servizos esenciais (coa carga mental que supón para as persoas desafectadas do ERTE para cubrir a eventualidade ), e pasando desa situación "a unha incomprensible volta á suspensión de emprego, xusto no momento que toda a hotelaría da comarca e do país retomaba a actividade, coincidindo ademais co verán".
O estremo máis preocupante, engade Rodríguez, é que o persoal xa ten parte da prestación por desemprego consumida, "podéndose dar nun futuro a medio prazo a situación de que cando finalmente a empresa decida pechar (se é que así acontece) non teñan unha prestación o suficientemente longa para cubrir o período da busca do novo traballo".
Por todo isto, a CIG vai realizar unha concentración o próximo día 4 de maio en defensa dos intereses do persoal e en protesta ante esta situación, e co obxectivo de que a cidadanía de Ferrol coñeza a situación real nesta empresa.