Cambio de sedes: irresponsable guerra económica imperial contra Catalunya

Clodomiro Montero - 20 Out 2017

Os cambios de sedes son unha sobreactuación sen impacto real, nin no emprego nin na actividade, toda vez que os centros operativos, as centrais e as fábricas se manteñen en Catalunya

O 2 de outubro varios responsables da CIG en diferentes bancos recibimos chamadas da prensa para interesarse pola “fuga de depósitos” dos bancos con sede en Catalunya. Negámonos a facer declaracións, querían utilizar a CIG para sementar incerteza entre a clientela no que xa se albiscaba coma o inicio da guerra económica.

O imperialismo español, coma no 36, está disposto a todo, tamén a unha guerra económica da que se alguén pode saír gravemente mancado é o conxunto dos pobos e nacións gobernadas polo Estado. Falan da inviabilidade dunha Catalunya independente, cando sería España quen vería reducido de xeito brutal o seu PIB (-20%), reduciría drasticamente a recadación fiscal incrementando o déficit público e a prima de risco. A respecto da redución dos ingresos fiscais, no ano 2009 Catalunya achegou 16.400 millóns de euros ao Estado, os datos ata entón non discutidos comezaron a ser obxecto de debate político polo que o unionismo comezou a minimizar o déficit fiscal catalán. Calquera pode imaxinar cales serían os efectos da redución para as arcas públicas dos ingresos procedentes de Catalunya que case duplican o orzamento da Xunta de Galicia. A negativa a abordar daquela un escenario para que aos cataláns e catalás lles custase menos ser españois, é unha das causas da situación actual. Xerar xenreira catalanofóbica, non dar saída e tratar de provocar unha crise económica a quen pon cartos é suicida. Por iso a UE ou o FMI teñen feito chamamentos ao dialogo e expresan a súa inquedanza, a recesión chama ás portas do Estado español. Axencias de cualificación coma Moody’s ou Bloomberg tamén teñen alertado das consecuencias negativas para o Estado do actual conflito.

Non serei eu quen dea pábulo aos bancos de investimento, pero algúns coma o danés Saxo Bank teñen realizado informes nos que afirman que unha Catalunya independente sería viable na UE, destacando que a súa economía está diversificada e internacionalizada con alta produtividade; e unha estrutura de produción máis equilibrada que outras “rexións” españolas.

O debate económico é pois pouco rigoroso, e resulta escandalosa a guerra económica aberta polo PP co aplauso do PSOE (gañou as primarias Susana Díaz?) e o apoio da extrema dereita seguidora, coma onte, dun tal Rivera. Aplaude a prensa do réxime o cambio de sede dalgunhas empresas e mais dun pailán alégrase dende Galiza, coma se nos gañásemos algo nese cambio (Fenosa produce aquí, pagamos o mesmo pola electricidade e pagará o Imposto de Sociedades en Madrid).

Os cambios de sedes son unha sobreactuación sen impacto real, nin no emprego nin na actividade, toda vez que os centros operativos, as centrais e as fábricas se manteñen en Catalunya. Hoxe o imposto de sociedades é estatal, polo tanto nada perden e semella que o lóxico que nun futuro pagasen o impostos de sociedades pola súa actividade en Catalunya alí, e que o Estado español recadase polas súa actividade no resto, é dicir, os cataláns sempre gañarían máis fronte á fórmula actual por moito que cambien as sedes.

En fin, a prensa desatou unha forte ofensiva creando incerteza entre a clientela dos bancos cataláns, conseguindo provocar finalmente unha retirada de depósitos de pequena magnitude. A caída do Banco Popular foi xustificada pola “fuga de depósitos”, xa que logo esa presión (logo veremos que innecesaria) podía poñer en perigo a viabilidade do Sabadell ou Caixabank. Os medios, coma sempre, crearon o escenario para xustificar o seguinte paso do Goberno: abrir a porta aos cambios de sede express sen contar cos socios e accionistas, moi democrático todo.

Cambios de sede: o papel de Isidro Fainé.

O Banco de Sabadell, presidido por Josep Oliu (banqueiro que se fixo famoso por dicir “necesitamos un Podemos de derechas”), foi o primeiro que trasladou a sede fóra de Catalunya. Con esta manobra Josep Oliu tenta gañar tempo para tratar de evitar unha agardada operación de absorción por parte dunha entidade con sede en Madrid.

Pero se alguén se ten destacado nesta sobreactuación é Caixabank, que trasladou a sede, unha decisión que non é nova, xa antes do “procés”, o Holding de Caixabank “Criteria” trasladara a súa sede ás Baleares. Nos días seguintes os medios falaron da marcha de Abertis, Agbar (Augas de Barcelona), Colonial, Gas Natural, Segurcaixa Adeslas, Cellnex ou Servihabitat en todas Caixabank/Criteria é accionista de referencia. É dicir, detrás dos máis coñecidos cambios de sede está a sombra de Isidro (que non Isidre) Fainé.

Isidro Fainé é o tradicional dirixente das antigas Caixa de Aforros que ostenta un poder económico por riba do poder político. Membro do Opus, conservador e monárquico, forma parte do círculo empresarial íntimo do rei emérito. A Obra social de Caixabank mantén en nómina á infanta Cristina, por iso Urdangarín falou de Fainé coma dun “segundo padre”. Con el La Caixa deixou de ser unha caixa catalá, para ser un banco español que forma parte do selecto grupo de especuladores que dirixen a vida política e económica española. Fainé preside a Fundación La Caixa, Criteria, Gas Natural Fenosa, Ceca (Confederación Española de Cajas de Ahorros), é Vicepresidente de Telefónica, e esta no Consello do Bank of East Asia e no de Suez Environnemet Company (máximo accionista de Agbar). Sempre cobrou un salario multimillonario de Caixabank (2.6 millóns de euros no 2015), pero tamén cobra por representar o banco nos Consellos de Administración das empresas participadas (Repsol, Gas Natural, Abertis e Telefónica) en contra do establecido na lexislación catalá. Un feito sobre o que se pronunciou este mesmo ano de xeito contraditorio a Audiencia Nacional, pode que a xustiza española acabe validando estes cobros, pero son a todas luces pouco éticos.

A ideoloxía política de Fainé queda clara en dous exemplos: Caixabank prohibiu ao cadro de persoal participar nas mobilizacións cívicas pola liberdade dos Jordis; Caixabank apoia a Ciudadanos, Albert Rivera foi fichado como asesor xurídico polo banco e a entidade financeira acompañou a expansión de “Ciudadanos”, provocando incluso malestar no PP (coma cando lle alugou cun prezo simbólico un local no centro de Madrid).

Pero a parte do papelón de “Don Isidro”, os cambios de sede non son sempre pacíficos, o Comité de Empresa da SEAT denunciou “presións políticas e monárquicas” para que a empresa traslade a sede a Madrid. Tamén cambiou a sede Codorníu (Unideco) despois de sufrir unha forte presión dado que comparte accionistas (a familia Raventós) con Unipost, empresa na que entrou a Garda Civil a incautarse de papeletas.

O boicot aos produtos cataláns fomentado pola dereita española

En definitiva o unionismo sobreactúa, pero abriu irresponsablemente unha guerra económica fai anos contra Catalunya que ten consecuencias tamén para un Estado que tería serios problemas de viabilidade económica sen Catalunya, de aí que mellor lle tería ido se tivese aberto un proceso de dialogo tal e como demandou o Govern. Pero o búnker do réxime, a oligarquía que ostenta o poder económico e político, non está disposto a aceptar ningún tipo de democratización que implique unha perda dos seus privilexios e poida abrir a porta a cambios para beneficio dos pobos e das clases menos favorecidas.

 

[Galiza, 20 de outubro de 2017]