Cazoladas do persoal da limpeza diante de Eulen, Clece e a patronal en demanda dun convenio digno
Traballadoras e traballadores da limpeza realizaron o venres tres caceroladas diante das sedes das principais empresas do sector, Eulen e Clece, así como na sede da patronal coruñesa para esixir un convenio colectivo provincial digno e con dereitos. Estas mobilizacións enmárcase no calendario de accións que as centrais sindicais están a desenvolver contra as pretensións da patronal de recortar dereitos e preceden á convocatoria folga que se debaterá nas asembleas convocadas durante o mes de marzo.
O representante da CIG na mesa de negociación, Paulo Rubido, lembra que a patronal pretende eliminar no novo convenio provincial o direito á xubilación parcial e o direito a ampliar xornada cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo ou na empresa, e ademais impor un 0% de incremento salarial no ano 2020 e un misetento 0,8% no 2021. E iso, denuncia, a pesar de que este é un dos poucos sectores que se está beneficiando da pandemia, debido ao aumento das horas de limpeza e das desinfeccións.
Por iso, ante o inmobilismo patronal, Rubido aputa á inevitábel convocatoria de folga como a "necesaria e imprescindíbel resposta para conseguir os nosos obxectivos". Así, CIG, UGT e CCOO teñen convocadas asembleas de traballadoras e traballadores o día 15 de marzo en Ferrol, o día 16 na Coruña e o día 17 en Santiago para acordar e preparar co persoal a convocatoria de folga.