Brasil: os retos do sindicalismo ante a ofensiva patronal

Eduardo Perondi - 18 Abr 2018

A reforma laboral de Temer o que fai, een sencia, é cambiar a natureza da lexislación laboral, pasando da protección e tutela do traballador anteriormente vixente (con todas as súas limitacións, por certo) en dirección a un modelo que ofreza garantías xurídicas para que o empresariado poida axustar e estimar o custo do traballo de acordo coas súas necesidades e intereses

 Despois da aprobación da recente reforma laboral en Brasil, cambiaron de xeito significativo as condicións de loita e organización da clase traballadora organizada. Ademais de afondar no proceso de precarización das condicións de traballo (que vén de tempo atrás), a reforma promoveu mudanzas importantes na mesma organización sindical, algo que as iniciativas anteriores non lograran tocar. A etapa que vén vai esixir unha acción sindical distinta da que até o de agora predominaba, nun contorno sumamente desfavorábel. É, sen dúbida, un gran reto para o sindicalismo brasileiro, aínda que iso para nada implica unha novidade.

 Na historia do sindicalismo brasileiro, non foron poucos os momentos en que a situación parecía desacreditar a acción organizada dos traballadores. Abonda con lembrar que no inicio do século pasado as folgas e protestas non estaban permitidas e o trato que lles brindaba o Estado era como “caso de policía”, coas consecuencias obvias que iso implicaba.

 Durante a última ditadura militar (1964-1985), os dirixentes sindicais eran despedidos e/ou encarcerados e os sindicatos pasaban ao control de “interventores” postos polo goberno. Resulta que aínda baixo estas condicións extremas, lograron crear fórmulas para se organizaren.

 A crise económica que atravesa Brasil, máis aló dos seus impactos inmediatos no proceso de acumulación, afonda noutro movemento importante para o capitalismo brasileiro: o cambio da base económica nacional cara a unha composición máis internacionalizada, onde non só as empresas estatais, senón tamén os grandes grupos privados e os recursos naturais (petróleo, minerais, enerxía, alimentos) son obxecto de disputa de grandes capitais estranxeiros. Proceso que impón a necesidade de xerar un patrón común de relacións laborais axustado ao devandito modelo.

 O que se esixe para o bo funcionamento dese capitalismo mundializado é unha forza de traballo atomizada, por pezas, que o patrón poida contratar e despedir cando lle conveña, que os salarios sexan variábeis de acordo ao producido e que as condicións de traballo sexan negociábeis en cada situación. Ademais, impúlsanse distintas formas de contratos individualizados previamente asinados polo traballador, onde este acepta as condicións e mesmo renuncia a dereitos, ou se compromete a non demandar á empresa na xustiza posteriormente.

 A reforma laboral de Temer cumpre exactamente esa tarefa. Esencialmente, o que fai é cambiar a natureza da lexislación laboral, pasando da protección e tutela do traballador anteriormente vixente (con todas as súas limitacións, por certo) en dirección a un modelo que ofreza garantías xurídicas para que o empresariado poida axustar e estimar o custo do traballo de acordo coas súas necesidades e intereses(1). Nese escenario, a xustiza do traballo vólvese un obstáculo. O obxectivo é dificultar que o traballador poida acceder a ela, por exemplo, cobrándolle os custos procesuais.

 Mais o principal atranco está no sindicalismo. Non só o sindicalismo autónomo e de base, senón tamén o sindicalismo corporativo e amarelo é atacado. Na nova lei aprobada por Temer, non son poucos os elementos nese sentido. A negociación individual pasa a ser xerarquicamente máis importante que a negociación colectiva e ata mesmo importante que a lei en variados temas. Un traballador, por exemplo, pode agora negociar un salario e condicións de traballo inferiores ao contrato colectivo negociado polo sindicato. Que malia a desvantaxe evidente que ocasiona iso, é unha táctica que os empresarios poden utilizar para as novas contratacións: o traballador será libre para aceptar ou non, pero de non aceptar non será contratado.

 Ademais, a mesma negociación colectiva nunha empresa poderá ser feita por unha comisión de traballadores independente do sindicato, excluíndo este da súa atribución fundamental: a representación dos traballadores. Outro punto importante é a fin da contribución sindical obrigatoria(2), xa que a partir de agora o traballador que desexe contribuír á entidade que o representa debe entregar unha carta ao patrón(!) solicitando o desconto.

 Trátase dun intento de derrocar os sindicatos e a organización colectiva dos traballadores, dificultando a súa actuación e buscando fragmentar e individualizar as relacións de traballo. Este é, porén, o intento de sempre na loita de clases. O feito de que logren incluír ese ataque nos termos da lei non significa que van ter éxito. Pero si muda as condicións e as formas baixo as cales a loita se produce, o como e desde onde parte a organización.

 O sindicalismo non deixará de existir, mais a estrutura sindical actual (a súa vinculación ao Estado e a sectores políticos, o corporativismo, o afastamento  que hai moitas veces entre representantes e representados), necesita ser revisado. A receita para iso faino a loita mesma, pero nese esforzo é fundamental que o sindicalismo comprenda e reflicta (na súa estrutura organizativa) a nova morfoloxía do traballo, para fomentar a solidariedade e igualdade entre os diversos tipos de traballadores existentes nunha empresa ou ramas (máis ou menos especializados, terceirizados, temporais, parciais, intermitentes); así como volver fomentar a organización democrática nos lugares de traballo e combater a negociación individual. Tamén é importante construír, aínda que pareza obvio, a unidade entre distintos sectores laborais para unha actuación conxunta, para combater a precarización que lles afecta a todos e para que a súa actuación sexa propositiva e non simplemente defensiva.

 O aumento da explotación e precarización do traballo en curso en Brasil está a xeneralizar o descontento no conxunto da clase traballadora. Intentar darlle contido político e organizativo a esa indignación tamén é unha tarefa dos sindicatos, sempre que estean dispostos a revisar as súas mesmas prácticas que coadxuvaron a esa indignación. Volver ser esa referencia de loita é o reto, e iso non ocorre da noite para a mañá. Moito menos na conxuntura difícil de ofensiva do capital actual. Oxalá as dificultades sirvan de estímulo á loita, vaia o recordo de que o último gran florecemento do sindicalismo de clase brasileiro (o “novo sindicalismo” dos 80) irrompeu das entrañas mesmas da ditadura militar, resultando fundamental para o seu derrocamento e para impulsar a democratización.

_______________________________________________________________________

Notas:

1) Para unha análise da amplitude e principais efectos da lei aprobada, véxase: DIEESE, 2017, https://www.dieese.org.br/outraspublicacoes/2017/reformaTrabalhistaSintese.pdf

2) O imposto sindical compulsorio implicaba o desconto obrigatorio dun día laboral anual de todos os traballadores, redistribuido entre os sindicatos, federacións, confederacións e centrais sindicais. Ese punto sempre foi polémico no seo do sindicalismo, dado que moitos sectores o consideran unha forma de consolidar unha burocracia sindical.

_______________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web uruguaio Hemisferio izquierdo, do 12 de abril de 2018]